Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 27 de febreiro de 2019
4.5 44792 (10/PNP-003349)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Ángel e 15 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa decisión da empresa Naturgy de pechar a central térmica de Meirama e construír nos seus terreos un parque eólico e unha central de biogás.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 423, do 31.01.2019
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a solicitar do Goberno de España :
1.- Que articulen as medidas necesarias para evitar que se materialice a decisión que ten comunicado Naturgy sobre o peche da central de Meirama.
2.- Que no seu defecto, articule xunto a Naturgy un verdadeiro plan de reindustrialización vinculado co mantemento e a creación de emprego, de xeito que ningún dos colectivos afectados se vexa prexudicado pola decisión de peche da central de Meirama.
3.- Que a aprobación deste plan industrial así como as decisións en materia de política industrial vinculadas aos terreos de Meirama se tomen en consenso coa Administración galega”.
4.7 45754 (10/PNP-003436)
Grupo Parlamentario de En Marea
Quinteiro Araújo, Paula e 2 máis
Sobre as medidas que debe adoptar a Xunta de Galicia para mellorar as condicións das traballadoras de servizos no fogar e solicitar do Goberno de España a inclusión destas no Réxime Xeral da Seguridade Social e no Estatuto do Traballador, así como que se asine o Convenio 189 da Organización Internacional do Traballo
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 430, do 13.02.2019
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1. Abrir unha mesa de diálogo coas organizacións do sector co fin de mellorar as actuais condicións laborais destas e avaliar o cumprimento da lexislación vixente.
2. A instar ao Goberno do Estado español para que asine o Convenio 189 da OIT de cara a garantir unhas condicións de traballo dignas”.
4.8 45756 (10/PNP-003437)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
García Míguez, María Ángeles e 7 máis
Sobre as medidas que debe adoptar a Xunta de Galicia e demandar ao Goberno do Estado para o fomento da inserción laboral das mulleres en condicións de igualdade e a conciliación da vida persoal, familiar e laboral
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 430, do 13.02.2019
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1. Fomentar, en colaboración coas entidades locais, dunha banda medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade nos que se incorporen a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade entre mulleres e homes nos nenos e nenas participantes nestas actuacións e doutra banda o impulso dos bancos de tempo coa finalidade de facilitarlles ás persoas, especialmente aquelas que residan nun concello rural, a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral, a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes dun contorno dado, cuxa medida é a hora de tempo.
2. Continuar a desenvolver programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero coas entidades de iniciativa social e extender estes programas ás empresas e as entidades locais de Galicia neste 2019.
3. Dar cumprimento e aplicar, ao longo de 2019, todas aquelas medidas incluídas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que afecten ao seu ámbito competencial: inserción laboral, campañas de sensibilización e prevención, protocolos de coordinacion e colaboración entre as administracións e institucións competentes, establecer un sistema de acompañamento ás mulleres, reforzar os servizos de apoio ás/aos menores, reforzo dos puntos de encontro familiar, formación especializada no ámbito educativo e dos medios de comunicación e reforzo das Unidades de Valoración Forense Integral.
4. Demandar do Goberno do Estado:
a. A aprobación da Lei de Igualdade Salarial para rematar coa fenda salarial de xénero entre homes e mulleres neste ano 2019
b. A aprobación da Lei de Conciliación e corresponsabilidade onde se teña en conta a racionalización horaria e favoreza a compatibilidade do traballo coa vida personal e familiar neste ano 2019
c. A aplicación e cumplimento de todas as medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero cuxa competencia sexa estatal e con especial consideración aos cambios lexislativos aprobados e recollidos no Pacto”.