• O presidente do Parlamento e a responsable de Autismo Galicia asinan un protocolo de colaboración encamiñado a facilitar a comunicacion e a accesibilidade das persoas con Trastorno do Espectro Autista no ámbito do Lexislativo galego
Santiago, 1 de marzo de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e maila presidenta da Federación Autismo Galicia, María José Álvarez Folgar, asinaron hoxe un protocolo de colaboración orientado a facilitar a comunicacion e a accesibilidade, no ámbito da Cámara galega, das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA).
No marco deste protocolo, o Parlamento de Galicia implantará, na súa sede, pictogramas específicos orientados ás persoas con TEA, para o que contará con asesoramento da Federación Autismo Galicia.
Accesibilidade e participación
O Lexislativo galego facilitará a accesibilidade e participación das persoas con TEA nos diferentes programas de divulgación da Cámara galega. Para iso, adaptará as diferentes modalidades de visitas guiadas ás necesidades específicas das persoas con TEA, axustará a guía didáctica do programa “Coñece as túas institucións” dirixido ao estudantado, e terá en conta as necesidades das persoas con TEA nas actividades institucionais, sociais e culturais que organice o Lexislativo galego. Entre outras medidas, o Parlamento tamén adecuará o material divulgativo sobre a institución para que resulte comprensible para as persoas con TEA.
A sinatura deste convenio enmárcase na liña de acordos que o Parlamento está a formalizar con diferentes entidades e asociacións que traballan no ámbito da diversidade funcional e a integración social.