A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 22 de marzo de 2019, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 45063 (10/PNC-003630)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 5 máis
Sobre as medidas que debe adoptar o Goberno galego no relativo á exención da pesca artesanal dos sistemas de totais admisibles de capturas e cotas
BOPG n.º 427, do 06.02.2019
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 10 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego a:
1. Promover e consensuar as medidas necesarias para materializar a exclusión das capturas accesorias ou accidentais da frota costeira artesanal dos sistema de TACs e cotas, dada a súa multiespecificidade e, polo tanto, o seu escaso impacto no estado dos recursos mariños.
Dentro da pesca costeira artesanal, compre estabelecer criterios de diferenciación entre o que significa a pesca accidental e a pesa dirixida. O tratamento das dúas modalidades debería ser de todo independente: a accidental debe estar á marxe dos criterios de TACs e cotas ou de obriga de desembarco, dado que representa as capturas de especies accesorias durante a pesqueira dunha determinada especie, debéndoselle aplicar unha xestión das posibilidades de pesca a través de criterios de reparto que garanten igualdade de condicións entre as unidades de frota participantes.
2. Requirir un tratamento distinto e diferenciado da xestión das posibilidades de pesca da frota artesanal con respecto ás frotas industrial e/ou semi-industrial.
As embarcacións de pesca costeira artesanal son de pequeno porte, utilizan artes e aparellos de pesca altamente selectivos, desenvolven a súa actividade pesqueira de forma tradicional, sostíbel, cun baixo volume de capturas de especies moi diversas e de gran calidade.
A pesca costeira artesanal nas súas diferentes modalidades realízase de xeito exclusivo en augas interiores e cunha importante dependencia
socioeconómica, tendo en conta a gran cantidade de postos de traballo que xera, tanto directos como indirectos.
Xa que logo, queda suficientemente demostrado que a incidencia da pesca costeira artesanal é socialmente moito máis relevante que a industrial ou semi-industrial e, polo tanto, estímase esencial a súa protección e salvagarda, propoñendo a súa regulación a través de criterios específicos e consecuentes, e en ningún caso mesturados con outras pesqueiras de intereses moi distintos.
3. Continuar reclamando que a pesca costeira artesanal quede exenta da obriga de desembarque.
É indispensábel seguir insistindo ante a Unión Europea, que a normativa que regula a obriga de desembarque de capturas para a frota costeira artesanal, quede sen efecto.
É indubidábel que a decisión de “política de descartes cero” tomouse de xeito precipitado no seu da UE, sen facerse os estudos correspondentes e sen ter en conta as pesqueiras multiespecíficas nas que desenvolve a súa actividade a frota pesqueira artesanal galega.
O feito de aplicar o regulamento tal e como está redactado, podería supoñer que non se poida desenvolver a actividade pesqueira, cando se poden acreditar as boas condicións dos caladoiros galegos, debido a forma de traballo sostíbel da pesca costeira artesanal.”
- 46885 (10/PNC-003769)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 7 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co artigo 10 do actual Regulamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca co fin de outorgar seguridade xurídica á concesión de achegas ao sector marítimo-pesqueiro
BOPG n.º 441, do 06.03.2019
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a pedir do Goberno do Estado a formulación dunha interpretación do artigo 10 do actual regulamento do FEMP por parte de Bruxelas e á consecuente adopción de medidas de claridade e adecuación da prohibición contemplada no sinalado artigo, de forma que se outorgue seguridade xurídica á concesión de achegas ao sector marítimo-pesqueiro”.
- 46889 (10/PNC-003771)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 7 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coas medidas establecidas pola Unión Europea para evitar o sometemento das pesqueiras aos efectos das denominadas “"especies de estrangulamento", así como respecto da posibilidade de aplicación das medidas adicionais propostas
BOPG n.º 441, do 06.03.2019
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a pedir do Goberno do Estado que demande da UE a necesidade de verificar a eficacia das medidas dispostas para evitar o sometemento das pesquerías aos efectos perniciosos das chamadas “especies de estrangulamento” (choke-species), ademais de verificar a posibilidade de aplicación das medidas adicionais propostas, con especial incidencia de:
• Aplicación do rango superior do nivel RMS para a pescada no Cantábrico y Noroeste (HKE/8C3411) cando entre en vigor o plan plurianual para as poboacións de peixes nas augas occidentais.
• Determinación de alternativas que complementen as campañas centinela no Cantábrico e Noroeste (UF 25 e 31), de forma que se poidan confirmar os datos que leven a reabrir a pesquería desta especie.
• Aumento das porcentaxes de flexibilidade nos intercambios de cota entre zonas, con especial atención ao aumento das cifras marcadas para a anchoa e o xurelo entre as zonas VIIIc e IXa.
• Determinación de eliminación de TAC para ochavo ou reloxo (BOR/678-).
• Determinación da eliminación do TAC de ollomol e alfonsinos para Gran Sol e
Cantábrico e Noroeste (SBR/678-) (ALF/3X14-)”.
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 46247 (10/PNC-003711)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Otero Rodríguez, Patricia e Toja Suárez, María Dolores
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa posibilidade de extraer o ourizo de mar na Mariña lucense mediante mergullo con subministración de aire desde a superficie
BOPG n.º 434, do 20.02.2019
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a realizar unha mostraxe aleatoria da existencia do ourizo de mar na Mariña lucense, realizado por biólogos da Consellería do Mar e que en función dos resultados desa mostraxe valore a posibilidade de permitir ou non a extracción do ourizo mediante mergullo con subministro de aire desde a superficie."