• Santalices reclama superar a estigmatización
• Durante o acto deuse lectura a un manifesto impulsado pola Federación Autismo Galicia
Santiago, 2 de abril de 2019.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá un acto institucional conmemorativo do Dia Mundial de Concienciación sobre o Autismo, organizado coa colaboración da Federación Autismo Galicia.
O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, reivindicou a utilidade de actos como o de hoxe para poñer o foco sobre a realidade do autismo e reclamou superar a estigmatización que en ocasións acompaña esta realidade.
Santalices agradeceu a elección do Parlamento como escenario para a celebración institucional do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo na medida en que constitúe o “foro adecuado para trasladar inquedanzas” como as recollidas no manifesto da Federación Autismo Galicia á que se deu lectura durante o acto. Valorou tamén a asistencia ao acto de representantes das catro forzas políticas representadas na Cámara.
Reiterou que o Parlamento de Galicia, “aberto e accesible” apoia a estratexia de “visualización” impulsada pola Federación Autismo Galicia.
O presidente da Cámara agradeceu especialmente o traballo das diferentes entidades que operan no ámbito do autismo, así como a implicación das distintas administracións.
O acto contou tamén coas intervencións da conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, e da presidenta da Federación Autismo Galicia, María José Álvarez Folgar.
Tamén asistiron o vicepresidente primeiro e a secretaria de Mesa do Parlamento, así como a valedora do pobo.
Durante a mañá, os asistentes participaron nunha visita guiada ao Parlamento de Galicia acompañados por persoal da Federación Autismo Galicia.