saltar ao contido

Santalices anima á mocidade a apostar polo traballo en equipo e o debate sosegado, “alicerces de calquera sociedade plural”

 
• O titular da Cámara galega clausurou esta mediodía, acompañado pola conselleira de Política Social, a décima edición do certame dialéctico Parlamento Xove, no que participou alumnado de ESO, Bacharelato e universitario

Santiago, 4 de maio de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado pola conselleira de Política Social da Xunta, Fabiola García Martínez, clausurou este mediodía a fase final do certame dialéctico Parlamento Xove que contou con participantes de ESO e Bacharelato, aos que nesta décima edición se sumou tamén estudantado universitario.
Santalices felicitouse polo constante crecemento deste programa, tanto en aceptación e prestixio, como no abano de participantes, xa que Parlamento Xove incorporou este ano equipos universitarios.
 
O presidente da Cámara felicitou aos participantes nesta iniciativa, aos que animou a sumarse a calquera iniciativa que estimule o traballo en equipo, a competición dialéctica e o debate sosegado, “alicerces de calquera sociedade plural na que sensibilidades non coincidentes cohabitan en harmonía”.
 
Cultivo da oratoria
 
A xuízo de Santalices, a competición que agora conclúe “acredita que o cultivo da oratoria e a argumentación, lonxe de ser unha rara excepción, como acontecía décadas atrás, é hoxe unha realidade fecunda, presente no nosos sistema educativo e que irradia os seus efectos sobre o conxunto da sociedade actual e futura”.
 
Recordou, nesta liña, que “canto maior sexa a capacidade expositiva e de persuasión dunha persoa, maiores serán as súas posibilidades de éxito  persoal e profesional; habilidades comunicativas, sociais e emocionais, básicas nunha sociedade complexa, cambiante, na que o coñecemento está á nosa disposición a tan só un click de distancia”.
 
Abundando nesta idea, Santalices Vieira apuntou que mentres que determinados contidos se poden googlear, “as solucións imaxinativas e adaptadas a cada situación non”.
Para o presidente do Parlamento “unha máquina nunca poderá razoar nin argumentar como unha persoa; un ordenador xamais poderá articular un discurso enxeñoso, ás veces irónico, a partir da flexibilidade, a creatividade, o espírito crítico e a curiosidade intelectual de quen o pronuncia”.
 
Galicia, polo bo camiño
 
Os debates que onte e hoxe tiveron lugar no Parlamento de Galicia acreditan, en opinión de Santalices, que “Galicia vai polo bo camiño, con mozas e mozos creativos, dotados dunha curiosidade intelectual infinita, que cultivan con intensidade cada día”.
 
Galardoados
 
O premio aos mellores oradores de ESO recaeron en Guillermo Martínez Montáns (Colexio Sagrada Familia de Vilagarcía), Uxía Durán Acevedo (Colexio Sagrada Familia de Vilagarcía), Carlos Lorenzo Otero (Colexio Sek Atlántico, de Poio) e Sofía Buitrón Álvarez (Colexio Escolapios, de Monforte). 
 
O galardón aos mellores oradores de Bacharelato foi para Miguel Silva Rodríguez (Colexio San José FEC, de Lugo); Alejando Alvarellos Villaverde (Colexio Lasalle, de Santiago) e para Ana Lucía Pampín Torres (IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces).
 
Por equipos, na categoría de ESO, o equipo campión foi o CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa, mentres que resultou subcampión a CPR Maristas Inmaculada, de Lugo.
 
Na categoría de Bacharelato, o campión foi o IES Lucus Augusti, de Lugo; e subcampión o Colexio Lasalle, de Santiago.
 
Xa na categoría de Universidade, resultou campión o  Campus de Santiago (equipo 3), e subcampión o Campus de Lugo.
O programa Parlamento Xove está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social da Xunta, coa colaboración do Parlamento de Galicia, onde se celebran os debates semifinais e finais do certame.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina