saltar ao contido

Santalices reivindica a igualdade como base da democracia e a convivencia

• O Parlamento de Galicia acolleu un pleno infantil organizado coa colaboración de Aldeas Infantiles SOS, no que os participantes centraron o seu traballo no valor da igualdade
 
Santiago, 4 de xuño de 2019.- “A igualdade é un principio e un dereito irrenunciable, porque sen igualdade non hai democracia, non hai convivencia, nin é posible construír unha sociedade xusta”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, nun pleno infantil organizado coa colaboración de Aldeas Infantiles SOS, no que alumnado de catro centros educativos galegos abordou o valor da igualdade e votaron compromisos relacionados con este principio.
 
Recordou Santalices que a transcendencia do principio de igualdade é tal que a Constitución española o sitúa no seu título I.
 
O presidente da Cámara agradeceu a celebración deste pleno infantil, que enmarcou na estratexia de participación cidadá do Parlamento, “unha institución aberta e sempre ao servizo da xente” e felicitou ao alumnado participante polos compromisos que proclamaron en materia de igualdade. “Celebro especialmente a vosa sensibilidade en relación coa discapacidade e a diversidade”, dixo.
Santalices Vieira felicitou tamén aos oradores infantís polo seu traballo, “motivo de orgullo para todas as persoas adultas, na medida en que as vosas intervencións revelan que a Galicia do futuro quedará en boas mans, nas da vosa xeración”.

A influencia dun bo mestre
 
O titular do Lexislativo galego estendeu o seu recoñecemento ao persoal docente, “porque sen as súas ensinanzas, o seu alento e o seu estímulo, nada do que temos escoitado tería sido posible”. Agregou que “poucas influencias resultan tan decisivas na vida dunha persoa como as dun bo mestre”.
O acto arrincou coa intervención do presidente de Aldeas Infantiles SOS, Pedro Puig Pérez, ao que seguiron estudantes dos colexios San Rosendo de Ferrol, Nosa Señora da Asunción de Sarria, Guillelme Brown de O Pereiro de Aguiar, e  Sagrada Familia - Filipenses de Vilagarcía de Arousa. Asistiron ao pleno deputadas e deputados do Parlamento de Galicia e a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta.
 

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina