A Comisión 4ª, Educación e Cultura, na súa sesión do 7 de xuño de 2019, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 49078 (10/PNC-003961)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Rodil Fernández, Olalla e cinco deputadas/os máis
Sobre a elaboración e remisión polo Goberno galego ao Parlamento de Galicia, antes do remate da X lexislatura, do Plan de arquivos previsto na Lei 7/2014, de arquivos e documentos de Galicia
BOPG n.º 463, do 17.04.2019
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a elaborar e remitir á Cámara antes de finalizar a actual lexislatura o Plan de Arquivos previsto na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia. Este plan incluirá, como mínimo, as seguintes cuestións:
a) A avaliación das necesidades de persoal e de infraestruturas dos arquivos do Sistema de Arquivos da Xunta de Galicia.
b) A configuración, organización, integración, servizo e difusión dos arquivos de Galicia, priorizando aquelas acción que sexan máis urxentes.
c) A incorporación da perspectiva de xénero de maneira transversal ao longo de todo o plan.
d) Medidas encamiñadas ao uso non sexista da linguaxe tanto na xestión do material como nas dinámicas de traballo do persoal, de acordo co disposto na Lei 7/2004, galega de igualdade entre mulleres e homes.
e) A planificación temporal para desenvolver as medidas e compromisos orzamentarios para implementar."