saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 26 de xuño de 2019

 

4.1 36111 (10/PNP-002682)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Castiñeira Broz, Jaime e 6 máis
Sobre o fomento por parte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Fegamp, da constitución de parques públicos de vivenda en alugueiro social nos concellos de menos de vinte mil habitantes, co emprego simultáneo das liñas de axuda destinadas á rehabilitación de vivendas de titularidade municipal
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 354, do 12.09.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia:
 
-  A fomentar, en colaboración  coa Fegamp,  a  constitución  de  parques  públicos  de  vivenda  en  alugueiro  social  nos concellos de menos de 20.000 habitantes, co emprego simultáneo das liñas de axudas de  que  dispón  a  Xunta  de  Galicia  para  a  rehabilitación  de  vivendas  de  titularidade municipal.
 
- A aumentar, en colaboración con todos os concellos de Galicia, o parque público de vivenda en alugueiro social facendo uso de todas as liñas de axudas ao investimento destinadas a vivenda  de promoción pública, tanto para nova creación como para rehabilitación de vivenda de titularidade municipal, así como posta a disposición de vivendas por parte de particulares  a través dos programas pertinentes”.

4.2 46284 (10/PNP-003465)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 8 máis
Sobre a posición do Parlamento de Galicia respecto da Proposición de lei orgánica contra a ocupación ilegal e para a convivencia veciñal e a protección da seguridade das persoas e cousas nas comunidades de propietarios, presentada no Congreso dos Deputados
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 434, do 20.02.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“1.- O Parlamento de Galicia manifesta o seu firme apoio á Proposición de Lei Orgánica contra a ocupación ilegal e para a convivencia veciñal e a protección da seguridade das persoas  e  cousas  nas  comunidades  de  propietarios,  rexistrada  no  Congreso  dos Deputados o 31 de xaneiro.
 
2.- O Parlamento   de   Galicia   reclama   das   forzas   políticas   con   representación parlamentaria  que  dean  a  súa  aprobación  a  esta  iniciativa  normativa    antiokupa, pioneira  en  España,  por  ser  de  interese  xeral  e  necesaria  para  corrixir  un  grave problema  social  e  de  convivencia  xerado  por  mor  destas  actividades  ilegais  contrarias ao dereito á propiedade e á seguridade das persoas e as cousas”.
 
4.5 50311 (10/PNP-003812)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Pierres López, María Luisa e 2 máis
Sobre a posta en marcha polo Goberno galego dun procedemento para a valoración da calidade arquitectónica das edificacións afectadas polos artigos 24 e 39 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, que queiran obter a excepcionalidade do cumprimento das condicións especiais xenéricas que lles son aplicables
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 483, do 05.06.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia para que se dirixa, a través da FEGAMP, a todos os concellos de Galicia co fin de facilitar, a través dos mecanismos que estimen oportunos, a aplicación efectiva do contido dos artigos 24.7a e 39c da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia, no referente ás propostas que se xustifiquen pola súa calidade arquitectónica en canto ó cumprimento das condicións de edificación”.

4.7 50678 (10/PNP-003829)
Grupo Parlamentario de En Marea
Miranda Pena, Flora María e 2 máis
Sobre a elaboración pola Xunta de Galicia dunha proposta alternativa e sustentable para o depósito dos lodos procedentes da dragaxe do río Lérez
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 486, do 12.06.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento Galego acorda demandar da Xunta de Galicia a elaboración, conforme á normativa vixente e ás directrices existentes a respecto deste tipo de actuacións, dunha proposta  alternativa  e  sustentable  para  o  depósito  dos  lodos  procedentes  do dragado do Lérez, de tal forma que se garanta que estes non afectarán a ningunha das rías galegas, nomeadamente a ría de Arousa”.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina