saltar ao contido

Santalices reitera a “intensa vocación social” do Parlamento de Galicia


• Participou esta mañá nunha xornada organizada por EAPN-Rede Contra a Pobreza na que se presentou unha campaña contra a aporofobia

Santiago, 28 de xuño de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reiterou hoxe a “intensa vocación social da Cámara galega, sempre comprometida cos máis vulnerables, especialmente coas persoas con discapacidade, física ou mental, coas minorías ou colectivos en risco de exclusión”.
 
Santalices pronunciouse deste xeito no transcurso do XIII Encontro Estatal de Participación, organizado por EAPN-Rede contra a Pobreza no que se presentou a campaña Aporofobia, rumores e estereotipos invisibles na inserción. Tamén participaron a conselleira de Política Social da Xunta, o director xeral de Servizos para as Familias e a Infancia do Ministerio de Sanidade e o presidente de EAPN para Europa e España.
 
Recordou o presidente do Parlamento que o Lexislativo galego leva moito tempo chamando a atención sobre os problemas derivados da pobreza e o risco de exclusión social que esta implica. Apuntou que xa no ano 2010, o Parlamento de Galicia adoptou unha declaración institucional de todos os grupos parlamentarios coincidindo co Día Internacional para a erradicación da pobreza, declaración ampliada que volveu adoptar en 2017.
 
Unanimidade
 
“Subliño a unanimidade acadada neste asunto –afirmou Santalices Veira-, pese a que na política actual o desencontro xere máis titulares que o acordo”. “Unha vez máis, as deputadas e deputados  do Parlamento de Galicia teñen demostrado  a súa capacidade e a súa disposición para aparcar diferenzas ideolóxicas na busca do consenso en asuntos de vital importancia”.
 
Recordou que o Parlamento de Galicia ten acollido diferentes iniciativas de concienciación impulsadas por EAPN Galicia e apuntou tamén que a Administración parlamentaria asinou diferentes convenios de colaboración con entidades e organizacións que traballan no ámbito dos colectivos vulnerables, e mesmo aposta pola integración laboral de persoas con discapacidade.
 
Para Santalices, a estratexia do Parlamento para reforzar a súa proxección social inclúe a posibilidade de “utilizar o pazo do Hórreo como caixa de resonancia para causas nobles,  como acontece coas sucesivas actividades impulsadas coa colaboración de EAPN Galicia e de tantas outras organizacións de diferente índole”.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina