O Pleno do Parlamento de Galicia, na sesión do día 25 de setembro de 2019 aprobou, no punto único da orde do día (Debate anual de política xeral: doc. núm. 55751, 10/DEBA-000003), as seguintes resolucións:
1.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver, en colaboración co Goberno do Estado, un Plan de Mobilidade Sostible.
-Cun renovado FEVE que unise Ferrol e Ribadeo como tren de cercanías.
-Cercanías entre Ferrol e Coruña.
-Tren que vertebre o eixo Coruña-Lugo-Ourense-Santiago como o que hai entre a cidade herculina e Vigo”.
Aprobada por unanimidade de 74 deputados e deputadas.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 8 do G.P. Mixto)
2.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar, cun substancial aumento de persoal e medios a reflectir de xeito concreto nos orzamentos de 2020, os instrumentos autonómicos para a mobilización de terras, incluíndo a intermediación para a compravenda de explotacións enteiras, que poida actuar para a mobilización produtiva dos montes veciñais en man común abandonados (sempre co beneplácito das/os comuneiros/as titulares), que contemple o apoio específico a aqueles proxectos solventes que necesitan terras e non as teñan e que poda xestionar fincas privadas abandonadas”.
Aprobada por 67 votos a favor, ningún en contra e 6 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 33 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
3.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a garantir que calquera incorporación de novas universidades ao Sistema universitario de Galicia evite efectos negativos ás existentes e produza complementariedade e non reiteración coa oferta de titulacións destas”.
Aprobada por 54 votos a favor, 20 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución núm. 5 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
4.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a, en coordinación coas deputacións provinciais e os concellos de Galicia, continuar traballando na creación do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia e a formulación do Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia para que sexa aprobado canto antes”.
Aprobada por unanimidade de 74 deputados e deputadas.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 31 do G.P. dos Socialistas de Galicia.)
5.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar apoiando os traballos da Mesa de política pesqueira ante o brexit constituída en Galicia, con participación de todos os axentes implicados co obxecto de analizar e facer fronte ás consecuencias derivadas para este sector do brexit, especialmente en termos operativos e loxísticos, así como a apoiar a demanda recollida no ditame que o Comité das Rexións aprobou de forma unánime por proposta de Galicia para que a Unión Europea habilite, de ser preciso, un fondo específico de axudas urxentes con dotación orzamentaria suficiente para paliar os efectos do brexit sobre a economía dos sector marítimo-pesqueiro e da cadea mar-industria das rexións europeas, especialmente de Galicia”.
Aprobada por unanimidade de 74 deputados e deputadas.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia, o G.P. Mixto e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 29 do G.P. dos Socialistas de Galicia e 39 do G.P. Mixto)
6.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1. Mobilizar no Banco de Terras 170.000 hectáreas necesarias para dotar as explotacións agrogandeiras de base territorial e para a incorporación de mozas e mozos emprendedores que reactiven a economía rural primando tamén o aspecto transformador dos produtos agrogandeiros.
2. Demandar do Goberno do Estado medidas urxentes que garantan unha remuneración xusta polo litro de leite que cubra os custos de producción”.
Aprobada por 64 votos a favor, 10 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G. P. do Bloque Nacionalista Galego e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 17 do G.P. Bloque Nacionalista Galego)
7.ª Resolución
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que se cumpran os prazos comprometidos de xeito que o AVE de conexión coa Meseta e o resto de capitais españolas estea en probas antes de que remate este ano e que en 2020 estea funcionando con todas as garantías de seguridade e poidan mercarse os billetes; así como a solicitar do Goberno central unha planificación dos investimentos necesarios para a renovación das conexións ferroviarias de Galicia aproveitando a chegada do novo ramal do Corredor Atlántico que conectará o noroeste peninsular, particularmente o treito ferroviario Ponferrada-Monforte, a conexión Monforte-Ourense-Vigo, a conexión A Coruña-Lugo-Monforte, a conexión A Coruña-Ferrol, Ferrol-Ribadeo, a saída sur de Vigo e conexión con Porto e as conexións coas principais plataformas loxísticas e cos portos de interese xeral do Estado; así como a mellora dos servizos de viaxeiros nestas liñas e a mellora da política tarifaria a través do abaratamento do prezo dos billetes e flexibilización do sistema de bonos.»
Aprobada por unanimidade de 74 deputados e deputadas.
(Resolución resultante da transacción entre o entre o G. P. do Bloque Nacionalista Galego e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 25 do G.P. Bloque Nacionalista Galego)
8.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a combater con todos os medios a sinistralidade e a violencia viaria poñendo en marcha as seguintes actuacións:
1. Crear unha mesa institucional e social para a elaboración do Plan de seguranza viaria de Galicia 2021-2025 que sexa un gran acordo de país arredor desta materia, coa participación das administracións, das organizacións sindicais, das entidades sociais e de todos os sectores relacionados coa mobilidade.
2. Destinar todos os recursos orzamentarios necesarios para continuar desenvolvendo actuacións específicas na rede viaria de competencia autonómica dirixidas a eliminar os puntos negros e os treitos de concentración de accidentes, mellorar a seguranza nas travesías urbanas e, nomeadamente, protexer as persoas que se desprazan a pé e en bici.
3. Impulsar as actuacións previstas en materia de mobilidade, nomeadamente a construción de variantes e circunvalacións de núcleos urbanos.
4. Xestión polo Goberno galego das competencias relacionadas co tráfico e a seguranza viaria”.
Aprobada por unanimidade de 73 deputados e deputadas.
(Resolución resultante da transacción entre o G. P. do Bloque Nacionalista Galego e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 27 do G.P. Bloque Nacionalista Galego)
9.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande do Goberno central a convocatoria urxente do Consello de Política Fiscal e Financeira para aprobar un mecanismo de transferencia inmediata dos 700 millóns de euros retidos polo Ministerio de Facenda e que debe a Galicia, ao tempo que se inicie o procedemento para o establecemento dun mecanismo automático de actualización do sistema e de liquidación das entregas á conta, non dependente da vontade do Goberno central. Este debe ser o primeiro paso da modificación urxente do vixente sistema de financiamento autonómico, reclamando un novo sistema que garanta a suficiencia financeira de Galicia, un maior grao de autonomía financeira, maior capacidade normativa sobre os tributos cedidos e o cumprimento do principio de lealdade institucional”.
Aprobada por 55 votos a favor, ningún en contra e 19 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Grupo Común da Esquerda e o G.P. Popular de Galicia verbo da proposta de resolución número 4 do G.P. Grupo Común da Esquerda)
10.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver un novo Plan de fomento das exportacións, sobre todo en mercados alleos á UE, para reducir a dependencia excesiva deste mercado e a dependencia tamén excesiva dos sectores téxtil e automobilístico. Con actuacións ante as pemes co obxectivo de incrementar o número de empresas exportadoras, sobre todo nos sectores presentes na transición ecolóxica e na industria agroalimentaria e pesqueira”.
Aprobada por 58 votos a favor e 10 en contra e 6 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G. P. Mixto e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 31 do G.P. Mixto)
11.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a programar ao longo do vindeiro ano 2020 un abandono progresivo do uso de herbicidas no control da vexetación das marxes das estradas autonómicas, primando sempre a seguranza viaria dos usuarios. Do mesmo xeito, a solicitar ao Ministerio de Fomento que realice unha programación análoga para o abandono deste tipo de produtos”.
Aprobada pola unanimidade de 74 deputados e deputadas.
(Resolución resultante da transacción entre o G. P. Mixto e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 23 do G.P. Mixto)
12.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver un Plan galego de rehabilitación enerxética dos edificios centrado en tres eixes:
• Vivendas vulnerables ou con alto grao de deterioración.
• Edificios privados de residentes non vulnerables.
• Edificios de nova construción. Edificios de consumo case nulo (nZEB)”.
Aprobada por 58 votos a favor e 10 en contra e 6 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G. P. Mixto e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 33 do G.P. Mixto)
13.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a instar ao Goberno do Estado a aprobación inmediata do estatuto das industrias electrointensivas tendo en conta todas as alegacións presentadas polos traballadores, as empresas e a Xunta de Galicia e o cambio da regulación do sector eléctrico para baixar o recibo aos fogares e ás empresas”.
Aprobada por 64 votos a favor, ningún en contra e 10 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G. P. Mixto e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 35 do G.P. Mixto)
14.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a traballar xunto coas entidades sociais e a Federación Galega de Municipios e Provincias para acadar un consenso que leve á actualización e ampliación da Axenda Social Única durante o primeiro semestre de 2020, de tal maneira que se concreten indicadores claros en cada unha das áreas: pobreza infantil, emprego, vivenda, dependencia e inclusión social, de acordo cos obxectivos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable”.
Aprobada por 60 votos a favor, 4 en contra e 10 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G. P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 13 do G.P. Popular de Galicia)
15.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver un novo paquete de impulso fiscal ao rural nos tributos que dependen de Galicia co obxectivo de incentivar os arrendamentos pactados a través do Banco de Terras, a mobilización de parcelas que se integran nun polígono agroforestal, a participación de proxectos de investidores no rural ou o uso de instrumentos de xestión conxunta da terra; ao tempo que dá cumprimento íntegro ás propostas do ditame da Comisión de estudo sobre política forestal relativas á recuperación de terras agroforestais, nomeadamente dando pulo ao programa de recuperación de aldeas modelo e aos proxectos de recuperación de grandes áreas que comezaron no 2017, así como a desenvolver un plan efectivo de instauración de zonas de pastoreo como aproveitamento forestal.
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar, cun substancial aumento de persoal e medios a reflectir de xeito concreto nos orzamentos de 2020, os instrumentos autonómicos para a mobilización de terras, incluíndo a intermediación para a compravenda de explotacións enteiras, que poida actuar para a mobilización produtiva dos montes veciñais en man común abandonados, que contemple o apoio específico a aqueles proxectos solventes que necesitan terras e non as teñan e que poida xestionar predios privados abandonados”.
Aprobada por 64 votos a favor, 4 en contra e 6 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G. P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 11 do G.P. Popular de Galicia)
16.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a estender á totalidade dos xulgados galegos o modelo de salas de vistas integramente dixitais, dotadas co equipamento necesario para permitir a celebración da vista nun contexto de expediente dixital electrónico; ao tempo que aborda, tamén, a dotación tecnolóxica nas salas de declaración tipo Gesell (salas habilitadas para tomarlles declaracións aos menores) que se demandan nas principais sedes xudiciais; ao tempo que a dirixirse ao Goberno do Estado para que dote Galicia das unidades xudiciais que precisa e reforce os órganos xudiciais nas xurisdicións necesitadas de apoio, para o que deberá considerar prioritaria a proposta de novos xulgados para Galicia que realice a Comisión Mixta formada por Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fundamentalmente para a creación de prazas dun novo maxistrado nas Salas da Audiencia Provincial de Lugo e de Pontevedra en Vigo e dun novo Xulgado do Social en Lugo”.
Aprobada por 70 votos a favor, 4 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G. P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 32 do G.P. Popular de Galicia)
17.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar unha atención especial e redobrada aos aspectos sociais do eido marítimo-pesqueiro, con atención senlleira á consecución dunha remuda xeracional na pesca, executando na súa totalidade as partidas orzamentarias destinadas a garantir esta remuda xeracional. En particular, demandarase da Unión Europea o apoio económico para aquelas melloras a bordo que teñan que ver con avances en habitabilidade, seguranza (especialmente sistemas para manter as embarcacións a flote no caso de accidentes ou sistemas individuais de localización) e conectividade, empregando estes fondos europeos coa máxima eficiencia nas distintas liñas de axudas, evitando que ao remate do programa se teñan que devolver fondos á Unión Europea. Ademais, renovarase e adecuarase o apoio social no caso de accidentes mediante a prestación de axudas específicas e disporanse medidas conducentes a evitar as perdas de ingresos por posibles disfuncións no sistema de control de biotoxinas”.
Aprobada por 64 votos a favor, 10 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G. P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 23 do G.P. Popular de Galicia)
18.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar as medidas de prevención contra os lumes forestais a través da actualización da planificación de distrito referente aos incendios, incorporando os novos plans municipais nun prazo de dous anos, así como a promover actuacións en perímetros de alto risco naquelas zonas onde este risco, combinado co estado de abandono, as fagan urxentes, cumprindo así a totalidade das recomendacións do informe do Grupo de Expertos de apoio á Comisión do Parlamento de Galicia sobre incendios forestais, antes de que remate esta lexislatura, para aplicalas na campaña 2020-2021”.
Aprobada por 58 votos a favor, 10 en contra e 6 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G. P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 31 do G.P. Popular de Galicia)
19.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia reitera a súa solidariedade co pobo de Venezuela, ante a grave crise económica, política e social que derivaron na peor crise humanitaria da súa historia, e en especial coas persoas galegas residentes nese país, ás que apoiamos na defensa dos seus dereitos fundamentais, que se ven conculcados de xeito cotián. Así mesmo, insta a Xunta de Galicia para que reclame ao Goberno do Estado que actúe no ámbito das súas competencias de xeito directo ou ante o Goberno de Venezuela, segundo proceda, para facer posible a súa garantía. Así mesmo, no ámbito das súas competencias, a Xunta de Galicia porá en marcha un programa de atención específico para a atención ás persoas galegas residentes en Venezuela, singularmente facilitando as mellores condicións para a instalación en Galicia no momento do seu retorno”.
Aprobada por 58 votos a favor, 16 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G. P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 33 do G.P. Popular de Galicia)
20.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a seguir traballando pola consecución real e efectiva da igualdade, impulsando a elaboración do VIII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade 2021-2024, e a través da posta en marcha de medidas de carácter transversal e interseccionais encamiñadas a conseguir unha maior sensibilización social, con especial atención á prevención mediante a aplicación de protocolos de detección nas áreas de educación e sanidade, aplicación da perspectiva de xénero na elaboración e definición das políticas públicas, fomento dunha cultura igualitaria e inclusiva, consecución e apoio da igualdade real no deporte, uso de redes sociais para a divulgación de campañas e fomento de programas ou medidas que promocionen a igualdade, con especial atención entre a xuventude e o eido educativo, implicación dos medios de comunicación para a erradicación de todo tipo de linguaxe non inclusiva, publicidades ou comentarios de carácter sexista e promovendo así mesmo a empregabilidade feminina en sectores que contan cunha importante demanda de profesionais, impulsando programas formativos que faciliten a incorporación de mulleres a ámbitos profesionais masculinizados, fundamentalmente na industria.
Especial atención merecen as mulleres do rural, e a Xunta de Galicia propiciará accións para o recoñecemento e visibilización das mulleres que viven no rural, favorecendo o seu apoderamento ante calquera situación e en calquera ámbito, e seguirá impulsando políticas activas, arbitrando medidas para compaxinar a vida laboral no campo coa actividade familiar e para mellorar as cotas femininas nas organizacións agrarias e gandeiras, como medio para lograr un trato equilibrado e igualitario no sector.
Igualmente, procederá á aprobación e aplicación do I Plan de Igualdade da Administración Xeral da Xunta de Galicia, actualmente en fase de elaboración”.
Aprobada por 58 votos a favor, ningunha en contra e 16 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G. P. Mixto verbo da Proposta de Resolución número 38 do G.P. Popular de Galicia e a 28 do G.P. Mixto)
21.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a non permitir a utilización de cultivos enerxéticos para a produción de biomasa, ao cumprimento da Lei de Montes de Galicia, Lei de Incendios forestais de Galicia e Lei de Conservación da Natureza para limitar a plantación de eucaliptos en zonas de protección medioambiental, terreos agrícolas ou faixas de protección, erradicando esta especie nas zonas ocupadas, a implementar medidas para a promoción de bosques autóctonos ou madeiras nobres autóctonas que poidas servir para a fabricación de taboleiros de madeira, a deixar a 0 o incremento que inclúe o borrador da superficie de eucaliptos do 8, 12%, isto é, de 25.000 hectáreas, así como o incremento de masas mixtas, a garantir a recuperación de terreos forestados ilegalmente, e a garantirse unha xestión sustentable do monte, dende o punto de vista social, ambiental e económico, así como blindar a paisaxe de mosaico tan característica do noso país”.
Aprobada por 61 votos a favor, ningún en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 24 do G.P. Mixto)
22.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a facilitar o acceso a terra para a produción de alimento e garantir unha Superficie Agraria Útil (SAU) suficiente para as granxas galegas e a aposta polos usos gandeiros, sobre todo en extensivo e de pasto, e agrícolas recuperando e aumentando terreos aptos para estes usos”.
Aprobada pola unanimidade de 74 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 25 do G.P. Mixto).
23.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a instar ao Goberno do Estado o remate das conexións dos portos principais coa rede Europea de transporte de mercancías”.
Aprobada pola unanimidade de 74 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 32 do G.P. Mixto).
24.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que adopte, con carácter urxente, medidas concretas para paliar os efectos sobre a actividade económica, o emprego e os dereitos dos galegos e galegas residentes no Reino Unido diante dunha posible saída da Unión Europea sen acordo.
Entre as medidas que se deberán contemplar, están todas aquelas encamiñadas a facilitar o retorno e a ocupación dos traballadores e traballadoras galegos que teñan que abandonar o Reino Unido como consecuencia do Brexit, o asesoramento especializado para as persoas que se vexan afectadas nos seus dereitos de residencia ou cidadanía, o apoio aos sectores económicos que se vexan máis afectados para a procura de novos mercados e as xestións necesarias perante o Goberno do Estado e a Comisión Europea para garantir a continuidade da actividade da flota galega nas augas territoriais do Reino Unido”.
Aprobada pola unanimidade de 74 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 5 do G.P. Grupo Común da Esquerda).
25.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a urxir do Goberno central que transfira de inmediato á Comunidade Autónoma de Galicia os 700 millóns de euros comprometidos para 2019 e que aínda debe, polos conceptos de actualización das entregas á conta do exercicio do ano 2019 (330 millóns de euros), devolución da mensualidade do IVE do exercicio de 2017 (200 millóns de euros) e incentivos por cumprir todos os parámetros de estabilidade orzamentaria en 2017 e 2018 (170 millóns de euros), xunto co financiamento dos compromisos adquiridos con Galicia noutras materias como as infraestruturas ou a atención á dependencia”.
Aprobada por 51 votos a favor, ningún en contra e 23 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 1 do G.P. Popular de Galicia).
26.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a promover unha dotación de servizos máis ampla en todos os concellos do rural galego a través de medidas como: o desenvolvemento de novas medidas para a mellora de cobertura de telefonía móbil; a garantía, en colaboración coa FEGAMP, do acceso a servizos financeiros; o incremento de recursos de igualdade; o favorecemento de recursos de conciliación para a atención á infancia e a persoas maiores ou a extensión do autobús de coidados porta a porta aos 200 concellos de menos de 5.000 habitantes; todo isto ao tempo que reclama do Goberno central a aprobación definitiva da Estratexia nacional fronte ao reto demográfico”.
Aprobada por 54 votos a favor, 20 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 2 do G.P. Popular de Galicia).
27.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia condena de forma rotunda todo tipo de violencia contra a muller, declarando ademais a necesidade de que a loita contra a violencia de xénero teña un tratamento específico e diferenciado por responder a condicións sociais distintas do resto das violencias, en particular a existencia dun substrato machista na sociedade contra o que cómpre loitar mediante políticas públicas con perspectiva feminista. Nese sentido, o Parlamento de Galicia condena explicitamente os posicionamentos negacionistas que pretende desvirtuar a dura realidade das vítimas da violencia de xénero así como os intentos de patrimonialización partidista dos avances na loita contra ela, e aposta por combatela dende o consenso, polo que insta a Xunta de Galicia a seguir avanzando ata desenvolver completamente o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero aprobado con amplo consenso polas Cortes Xerais, e comprométese a rematar nesta lexislatura un Pacto galego sobre a violencia de xénero”.
Aprobada por 41 votos a favor, 4 en contra e 29 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 12 do G.P. Popular de Galicia).
28.ª Resolución
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a aprobar un Plan de Eficiencia Enerxética 2020-2024 dirixido ás familias, con axudas para redución do consumo enerxético, entre as que se inclúa a creación dun programa de axudas co obxectivo de renovar os electrodomésticos dos fogares cara a máquinas máis eficientes, contribuíndo á redución da factura eléctrica, o consumo de enerxía e das emisións de CO2”.
Aprobada por 51 votos a favor, 4 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 16 do G.P. Popular de Galicia).
29.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a cumprir cos obxectivos, o cronograma de implantación e a execución dos 102 millóns de euros previstos para desenvolver o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021; ao desenvolvemento do Plan galego de hospitalización a domicilio para a súa extensión a toda a superficie de Galicia os 365 días do ano; e á presentación, antes do remate de 2019, dun Plan estratéxico de saúde mental e, antes de finais da lexislatura, dun Plan oncolóxico”.
Aprobada por 41 votos a favor, 20 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 10 do G.P. Popular de Galicia).
30.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a exixir do Goberno de España que reconduza as súas relacións coa Xunta de Galicia baixo o principio da lealdade institucional de xeito que non se tomen decisións unilaterais que afecten de xeito negativo o exercicio das competencias de cadaquén”.
Aprobada por 41 votos a favor, 26 en contra e 6 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 28 do G.P. Popular de Galicia).
31.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar a colaboración de todas as institucións para reivindicar o centenario da Xeración Nós e a continuar impulsando medidas que fomenten a transmisión da lingua galega no seo das familias, así como ao desenvolvemento do Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade de Galicia para fomentar a creación de espazos de socialización en galego.”
Aprobada por 41 votos a favor, 10 en contra e 23 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 24 do G.P. Popular de Galicia).
32.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver o marco normativo e os sistemas necesarios para o establecemento dun sistema integrado, coordinado e homoxéneo de xestión de dexeccións gandeiras en Galicia, que incorpore: a regulación da autoaplicación de dexeccións por parte das explotacións; a implantación de centros de xestión de dexeccións gandeiras; a acreditación e control de todas as operacións de xestión de dexeccións gandeiras que supoñan a súa aplicación como fertilizantes ou emendas agrícolas; o aproveitamento dos sistemas de información xeográfica na xestión das axudas á PAC e a valorización das fraccións que constitúan residuos de natureza orgánica.”
Aprobada por 44 votos a favor, 10 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 20 do G.P. Popular de Galicia).
33.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que inicie a planificación de novos ámbitos de solo residencial destinados á construción de vivendas protexidas nas cidades galegas nas que se prevé unha demanda deles nos próximos anos.”
Aprobada por 45 votos a favor, 16 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 26 do G.P. Popular de Galicia).
34.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a trasladar ao Goberno de España e aos grupos políticos representados no Congreso e no Senado o apoio deste Parlamento para impulsar, dentro do marco constitucional e por consenso, unha reforma da Lei orgánica do réxime electoral xeral encamiñada a dotar de maior estabilidade as institucións a través de mecanismos que garantan o acceso aos gobernos daquelas candidaturas que acaden un maior apoio popular nos distintos procesos electivos, así como para que os españois residentes no exterior poidan exercer o seu dereito a voto coas mesmas garantías que os residentes no territorio español, eliminando a solicitude (rogo) do voto, combinando todas as posibilidades de participación electoral que sexan posibles e simplificando o procedemento en beneficio da eficiencia e a axilidade.”
Aprobada por 41 votos a favor, 33 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 39 do G.P. Popular de Galicia).
35.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que se cumpran os prazos comprometidos de xeito que o AVE de conexión coa Meseta e resto de capitais españolas estea en probas antes de que remate este ano e que en 2020 estea funcionando con todas as garantías de seguridade e poidan mercarse os billetes; así como a solicitar do Goberno central unha planificación dos investimentos necesarios para a renovación das conexións ferroviarias de mercancías de Galicia aproveitando a chegada do novo ramal do Corredor Atlántico que conectará o noroeste peninsular, particularmente o treito ferroviario Ponferrada-Monforte, a conexión Monforte-Ourense-Vigo, a conexión A Coruña-Lugo-Monforte, a conexión A Coruña-Ferrol, a saída sur de Vigo e conexión con Porto e as conexións coas principais plataformas loxísticas e cos portos de interese xeral do Estado.”
Aprobada por 60 votos a favor, 4 en contra e 10 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 34 do G.P. Popular de Galicia).
36.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia declara o seu apoio aos sectores industriais de Galicia como peza fundamental da nosa economía e ao emprego que xeran, para o que insta a Xunta de Galicia a completar o desenvolvemento da Axenda Industria 4.0 e do Plan Galicia Innova 2020, así como a dirixirse ao Goberno central para que acometa as medidas necesarias para preservar o emprego e potenciar sectores produtivos como o da automoción, o naval, o forestal, a minaría ou a produción de enerxía en todas as súas variantes, nomeadamente con medidas que garantan a continuidade do emprego nas centrais térmicas das Pontes e Meirama, así como na factoría de Alcoa en San Cibrao, de Parter na Coruña, MEGASA, Ferroatlántica e a totalidade de empresas electrointensivas de Galicia.”
Aprobada por 54 votos a favor, 14 en contra e 6 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 30 do G.P. Popular de Galicia).
37.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia condena o uso da violencia terrorista como vehículo para alcanzar calquera obxectivo político, así como todos aqueles pronunciamentos que dende os ámbitos institucionais, políticos ou sociais intenten lexitimar, xustificar, relativizar ou minimizar o terrorismo. Así mesmo, o Parlamento de Galicia traslada a súa felicitación e agradecemento ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado polas actuacións que ao longo do presente ano permitiron a desarticulación de grupos terroristas vinculados ao xihadismo e ao secesionismo galego e catalán.”
Aprobada por 53 votos a favor, 10 en contra e 10 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 40 do G.P. Popular de Galicia).
38.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, impulsando unha programación de calidade durante os anos 2019 e 2020, e deixando ao remate da lexislatura un gran proxecto sustentable e participativo, preparado para desenvolverse con éxito durante o ano 2021 e que busque a descentralización dos beneficios do Xacobeo a través do impulso de accións singulares nas grandes cidades, dunha liña que promova a chegada de peregrinos a través dos peiraos galegos executando unha liña de melloras neles e demandando ao Goberno central, no ámbito da súa achega para o Xacobeo 2021, o financiamento do Plan de BIC nos Camiños de Santiago.”
Aprobada por 54 votos a favor, 20 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 4 do G.P. Popular de Galicia).
39.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a poñer en marcha a recentemente aprobada Estratexia da Cultura Galega, desenvolvendo as súas 100 primeiras medidas no primeiro semestre do ano próximo, colaborando cos todos os axentes implicados e da man dos sectores e industrias culturais, ao tempo que convoca novas liñas de axudas para dixitalizar o fondo patrimonial galego, custodiado por institucións non dependentes da Administración autonómica, para incorporalo á Memoria Dixital de Galicia e facilitar a súa preservación e o seu acceso universal a través da canle de difusión Galiciana.”
Aprobada por 54 votos a favor, 20 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 25 do G.P. Popular de Galicia).
40.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a deseñar un programa que potencie o turismo interno, especialmente en temporada baixa, desenvolvendo un sistema de estadías que axuden a manter a estrutura produtiva e turística do país durante todo o ano, fomentando o orgullo e o coñecemento do propio e impulsando o emprego.”
Aprobada por 45 votos a favor, 16 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 21 do G.P. Popular de Galicia).
41.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia expresa o seu compromiso co avance do proceso de construción europea e insta a Xunta de Galicia a demandar o reforzo da participación rexional nas institucións europeas así como a utilizar a súa propia participación para avanzar nos obxectivos de paliar as consecuencias da saída do Reino Unido da Unión Europea e de enfocar a evolución do proxecto europeo sobre un impulso das políticas comúns fiscais e de cohesión.”
Aprobada por 45 votos a favor, 16 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 29 do G.P. Popular de Galicia).
42.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que solicite ao Goberno de España que, como complemento á execución das políticas de fomento do retorno emprendidas polo Goberno galego, tome as medidas necesarias para favorecer a integración familiar e persoal das persoas retornadas, particularmente a axilización da homologación de títulos académicos das persoas retornadas e dos membros da súa familia e a redución dos trámites e axilización da concesión dos permisos de residencia e traballos dos cónxuxes e descendentes, sen nacionalidade española, dos galegos retornados.”
Aprobada por 47 votos a favor, 14 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 27 do G.P. Popular de Galicia).
43.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a mellorar as condicións de traballo das persoas empregadas públicas do sector público autonómico a través de medidas como a aprobación dunha normativa singular de acceso á función pública para as persoas con discapacidade, a extensión da flexibilidade horaria (a vítimas de violencia de xénero ou persoas que atendan familiares con discapacidade) ou a mellora dos contornos de traballo con proxectos de aforro, eficiencia enerxética e mellora arquitectónica dos edificios administrativos xunto co incremento do número de prazas de escola infantil neles.”
Aprobada por 47 votos a favor, 14 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 37 do G.P. Popular de Galicia).
44.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a ampliar a Tarxeta Benvida para as familias que teñan un terceiro fillo e para as familias que vivan en concellos de menos de 5.000 habitantes, así como a garantir a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos para todas as familias a partir do segundo fillo, e a negociar co Goberno central unha proposta de cofinanciamento para acadar esta gratuidade desde o primeiro fillo.”
Aprobada por 41 votos a favor, 14 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 3 do G.P. Popular de Galicia).
45.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a seguir reforzando a atención ás persoas maiores no seu contorno, prioritariamente a aquelas que viven soas, a través dun protocolo de atención específico, do servizo de axuda no fogar, da teleasistencia avanzada e doutras prestacións e servizos, ao tempo que insta o Goberno central a que se comprometa coa Lei de dependencia e incremente a súa cota de financiamento destes fondos, desde o 24 % actual ata a contorna do 50 %.”
Aprobada por 41 votos a favor, 14 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 6 do G.P. Popular de Galicia).
46.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a declarar o estado de emerxencia climática en Galicia, co obxectivo primordial de comprometer as políticas do Goberno galego en facer fronte á emerxencia e acadar a neutralidade climática antes do ano 2050, para o que cómpre activar coa máxima urxencia as medidas da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía e fomentar a adhesión de todos os concellos de Galicia ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía ofrecéndolles asesoramento personalizado para mellorar a súa eficiencia enerxética e a súa resiliencia fronte ao cambio climático. Ao tempo, o Parlamento insta a Xunta de Galicia a que a atención a esta emerxencia climática se acompase coas necesidades do emprego e a industria en Galicia, solicitando do Goberno de España un proceso de transición enerxética máis ordenado e xusto, con investimento innovador en tecnoloxías de redución de emisións e con accións compensatorias para as comarcas nas que os obxectivos climáticos para 2050 supoñan impactos significativos para a súa economía e emprego.”
Aprobada por 41 votos a favor, 14 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 7 do G.P. Popular de Galicia).
47.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a aprobar no primeiro semestre de 2020 o Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030, cos retos e as liñas estratéxicas para a Galicia da vindeira década, logo dun proceso participativo e tras o seu debate na Cámara.”
Aprobada por 41 votos a favor, 14 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 8 do G.P. Popular de Galicia).
48.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar ao próximo Goberno de España a aprobación na primeira parte da próxima lexislatura de mecanismos que garantan a viabilidade do financiamento da sanidade pública, así como a mellora da rede nacional e as sinerxías no estudo das novas enfermidades e desafíos sanitarios, así como que dea cumprimento ás medidas acordadas no Consello Interterritorial de Saúde de abril de 2018 e que elimine do ordenamento legal as restricións impostas ás comunidades autónomas mediante as limitacións ás taxas de reposición de prazas no Sistema Nacional de Saúde cando estas afecten postos de traballo de carácter estable, asunto que este Parlamento xa reclamou por unanimidade en marzo de 2017.”
Aprobada por 41 votos a favor, 14 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 18 do G.P. Popular de Galicia).
49.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a continuar coa modernización e racionalización das titulacións universitarias atendendo a evolución de perfís profesionais no horizonte de 2030 e, para facilitar o acceso e a permanencia dos estudantes nos estudos universitarios, a crear de xeito progresivo graos abertos polos que o alumnado pode elixir durante ano e medio materias de varias carreiras antes de decidirse definitivamente por unha delas.”
Aprobada por 41 votos a favor, 14 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 22 do G.P. Popular de Galicia).
50.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a complementar os programas e as estratexias que están a permitir a mellora do ensino galego desde a aposta polos idiomas, as tecnoloxías e a innovación educativa, coa aprobación dun novo plan contra o acoso escolar dentro da Estratexia Galega de Convivencia-Educonvives, e dun plan de orientación profesional nos centros educativos galegos; así como coa progresiva dotación dun segundo orientador nos centros con máis alumnado.”
Aprobada por 41 votos a favor, 20 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 5 do G.P. Popular de Galicia).
51.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a avanzar no aproveitamento do potencial innovador de Galicia a través dunha nova estratexia de innovación para as pemes para estender o uso da innovación e da creatividade como recurso competitivo do tecido produtivo, así como dunha estratexia de intelixencia artificial, da creación da rede de nodos de especialización tecnolóxica e do desenvolvemento da Estratexia Dixital Galicia 2030 a través do impulso da dixitalización de fogares e estradas.”
Aprobada por 41 votos a favor, 20 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 9 do G.P. Popular de Galicia).
52.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a avanzar na definición dun sistema de colaboración cos concellos e deputacións de Galicia que facilite a xestión do ciclo integral da auga (abastecemento, saneamento e depuración) en condicións de eficiencia e calidade ambiental, con especial atención á axeitada explotación das infraestruturas hidráulicas.”
Aprobada por 41 votos a favor, 20 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 14 do G.P. Popular de Galicia).
53.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a afrontar o deseño e definición dunha Estratexia Galega de FP 2020-30 para mellorar as competencias profesionais e emprendedoras en Galicia, que inclúa medidas normativas e actuacións formativas e de relación coas empresas; así como un pulo da cooperación público-privada, da FP Dual e da innovación.”
Aprobada por 41 votos a favor, 20 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 15 do G.P. Popular de Galicia).
54.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a seguir reforzando os recursos da sanidade pública, mantendo o compromiso pola estabilización do persoal e as súas condicións laborais, as convocatorias anuais de ofertas públicas de emprego, o desenvolvemento da carreira profesional e as medidas de conciliación; e a continuar coa mellora das infraestruturas sanitarias, tanto dos hospitais e centros de saúde como dos seus equipamentos.”
Aprobada por 41 votos a favor, 20 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 17 do G.P. Popular de Galicia).
55.ª Resolución
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a continuar facilitando a mobilidade en Galicia: no transporte público, a través das medidas do Plan de Transporte Público de Galicia, que recolle melloras no servizo como o transporte compartido, transporte a demanda, paradas seguras para colectivos de risco ou a extensión da tarxeta Xente Nova aos menores de 21 anos, ao tempo que abordando conxuntamente co sector do taxi medidas de dinamización que faciliten unha adaptación e modernización do sector que promova e apoie cuestións como a progresiva substitución do parque por vehículos híbridos ou eléctricos ou un cambio normativo que favoreza unha maior flexibilidade para o establecemento de tarifas máis competitivas; no transporte privado, a través da ampliación das bonificacións nas peaxes das autoestradas autonómicas estendéndoas ás familias numerosas e solicitando do Goberno do Estado a aplicación de descontos análogos nas autoestradas galegas dependentes del.”
Aprobada por 41 votos a favor, 20 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 19 do G.P. Popular de Galicia).
56.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver unha atención especial dedicada á detección da presenza, influencia biolóxica e impacto sobre especies pesqueiras, marisqueiras e acuícolas dos plásticos e microplásticos, levando a cabo accións de minoración da súa presenza no medio mariño e campañas de concienciación destinadas á prevención do seu vertido, especialmente entre os máis novos. Amais, continuarase coa liña de saneamento integral das rías e espazos costeiros, de forma que se amplíe a mellora da calidade das augas nestas áreas.”
Aprobada por 41 votos a favor, 20 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 35 do G.P. Popular de Galicia).
57.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar ao Estado as actuacións encamiñadas a consensuar e facilitar a coordinación entre as distintas administracións —local, provincial, autonómica e estatal— das diferentes accións a levar a cabo en materia de memoria histórica, no marco das competencias que lle correspondan a cada unha delas.”
Aprobada por 41 votos a favor, 20 en contra e 13 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 36 do G.P. Popular de Galicia).
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2019
Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente