saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia sobre o sistema público de pensións

 
O Parlamento de Galicia considera que o sistema público de pensións é o principal instrumento do benestar e a protección social, tanto en Galicia como no resto do Estado. En primeiro lugar porque dá cobertura, fundamentalmente, ás persoas maiores, aínda que tamén protexe outras continxencias como a incapacidade, a viuvez e a orfandade. En todos os casos, protexe persoas que dificilmente teñen alternativas de ingresos diferentes á pensión; son, polo tanto persoas vulnerables que teñen no sistema público de pensións a garantía de ingresos para levar unha vida digna.
 
En segundo lugar, porque ningún outro sistema de protección dá cobertura a un número tan elevado de persoas, para o que dispón dun orzamento moi superior ao resto de instrumentos de protección social.
 
Xa o é agora e serao máis no futuro inmediato, pois o alongamento da esperanza de vida fai que aumente o número de persoas maiores, especialmente en sociedades como a galega que combinan este proceso cunha regresión demográfica que ten como consecuencia un incremento do peso relativo das persoas maiores.
 
Algunhas cifras o demostran. En Galicia hai 339.459 mulleres e 338.767 homes pensionistas nas diferentes modalidades e réximes. Sumadas, son 678.226 persoas en total, unha cifra que, comparada coa poboación total de Galicia, evidencia a súa extraordinaria relevancia: o 25 % dos 2,7 millóns de persoas que viven no noso país son pensionistas.

Dito doutro xeito, unha de cada catro persoas en Galicia ten na pensión a súa fonte principal de ingresos, de aí o enorme papel de cohesión social que desempeñou o sistema público de pensións na última recesión económica. Un peso económico e social que aínda é maior nas provincias menos desenvolvidas e máis envellecidas, porque en Lugo as persoas pensionistas son o 30 % da poboación total e chegan ata o 31 % en Ourense.
 
O impacto económico das pensións é moi significativo no noso país porque a nómina mensual de pensións en Galicia supera os 637 millóns de euros e, polo tanto, o desembolso do sistema público de pensións é na comunidade autónoma de 9.000 millóns de euros cada ano.
 
O Parlamento de Galicia considera que a defensa do sistema público de pensións ten que ser unha prioridade absoluta para a sociedade galega, coas súas institucións á fronte. Defender o sistema e tamén as persoas, porque coa crise económica se modificaron tanto as condicións de acceso ás pensións como a súa contía.
 
O Parlamento de Galicia estima que o necesario equilibrio financeiro do sistema non pode buscarse reducindo a contía dunhas pensións que, en moitos casos, xa son baixas, especialmente no noso país. En setembro de 2019, a pensión media está en 848 euros ao mes, unha cifra baixa pero que aínda así agocha realidades moi preocupantes, como que a contía da pensión de viuvez sexa de 601 euros ou que a pensión media do réxime de autónomos sexa de 597 euros mensuais.
Son cantidades que non se poden reducir máis, polo que o Parlamento de Galicia opina que o mecanismo de revalorización anual debe garantir que as pensións non perdan poder adquisitivo, tomando o IPC como referencia troncal. Ao tempo que se garante o poder adquisitivo do conxunto do sistema, hai que ir mellorando a contía das pensións mínimas, unha cuestión de especial relevancia para o noso país xa que o 30 % das persoas pensionistas en Galicia cobran complementos de mínimos.
 
O Parlamento de Galicia comparte a idea de que para garantir a sostibilidade do sistema ante os desafíos demográficos é necesario mellorar o seu financiamento a través das cotizacións sociais, pero tamén contando cos orzamentos xerais do Estado.

É fundamental aumentar os ingresos por cotizacións, que son a fonte principal de financiamento do sistema, e para iso cómpre máis e mellor emprego, máis persoas cotizando en empregos estables e con mellores salarios porque así aumentan as bases de cotización e os ingresos da Seguridade Social.
 
O Parlamento de Galicia manifesta o seu compromiso na defensa do sistema público de pensións como principal instrumento para o benestar, a protección e a cohesión social, que debe ser reforzado ante o desafío demográfico ao que se enfronta para poder garantir pensións suficientes que lles aseguren unha vida digna ás persoas que as cobran. 
 
 
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina