saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 20 de novembro de 2019


 
4.1 44404 (10/PNP-003312)
Grupo Parlamentario Grupo Común da Esquerda
Chao Pérez, Luca e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación coa introdución da educación afectivo-sexual no ensino
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 423, do 31.01.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
 
1. Adoptar as indicacións da UNESCO e garantir que os rapaces e rapazas contarán na escola con educación afectiva e sexual dende os tres anos ata a universidade.
 
2. Buscar a colaboración doutras institucións e entidades, nomeadamente das universidades galegas, para deseñar novas medidas orientadas a potenciar a educación emocional e afectivo-sexual en todos os niveis do ensino galego”.

4.2 55696 (10/PNP-004121)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Trenor López, Gonzalo e 8 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa obtención de fondos comunitarios para o proxecto de dragaxe e rexeneración da ría do Burgo, así como as actuacións que debe levar a cabo para a súa execución
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 538, do 27.09.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a esixir do Goberno do Estado:
 
1.- A remisión de información oficial das xestións e os avances que ten feito de cara a cumprir co compromiso acadado con Xunta e Concellos no mes de xaneiro, relativo á solicitude ante as autoridades europeas do cambio de destino, cara á dragaxe e rexeneración da ría do Burgo, daqueles fondos FEDER xestionados pola Administración do Estado que  sexan inexecutables en prazo.
 
2.- No seu caso, urxir ao Goberno de España a que axilice as xestións ante a Unión Europea necesarias para a obtención de fondos comunitarios para esta actuación.
 
3.- Dote de orzamento suficiente o proxecto de dragaxe, actuación de rexeneración do litoral de competencia estatal, establecendo un cronograma completo con prazos e previsións realistas para a súa execución.
 
4. Presente un plan social que recolla compensacións a aqueles mariscadores que non poidan traballar durante a execución das actuacións de dragaxe da ría e, nesta liña, teña en conta o ofrecemento realizado pola Xunta de Galicia de cofinanciar nun 10% un plan social de axuda aos mariscadores.
 
5. Constitúa unha comisión de seguimento na que estean representadas todas as administracións e organismos implicados: Ministerio, Xunta de Galicia, Concellos da ría (A Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros), confraría e sector marisqueiro”.
 
4.4 57039 (10/PNP-004215)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Rodríguez Rumbo, Matilde Begoña e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa situación e futuro do estaleiro Barreras, de Vigo
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 547, do 16.10.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a manifestar o compromiso coa continuidade do estaleiro Hijos de J. Barreras así como cos seus postos de traballo e as condicións laborais”.

 
4.5 57248 (10/PNP-004237)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e 5 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central e as actuacións que debe levar a cabo en relación coa violencia sexual
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 547, do 16.10.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento Galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Dirixirse ao goberno central para:
 
a) Demandar a introdución no marco legal do concepto de consentimento para mellorar a tipificación e tratamento da violación e das agresións sexuais así como a consideración destes delitos como delitos de carácter público.
 
b) Impulsar a aplicación da directriz do artigo 36 do Convenio de Istambul que estipula que as autoridades deben adoptar todas as medidas necesarias para garantir que o sexo non consentido sexa tratado sempre coma un delito.
 
c) Modificar a definición estatal de violencia de xénero de acordo co Convenio de Istambul de forma que a violencia sexual sexa recoñecida como tal, como xa fixo a lei galega no ano 2007.
 
d) Desenvolver as actuacións legais de organización necesarias para que os delitos de violencia sexual sexan instruídos nos xulgados especializados de violencia machista, no caso de que o presunto autor non sexa menor, e transferir a Galiza os recursos orzamentarios necesarios para esta adaptación.
 
2. Desenvolver as seguintes medidas para mellorar a intervención diante das agresións sexuais:
 
a. Avaliar no prazo de seis meses o funcionamento do
Protocolo de Coordinación e Cooperación Institucional fronte á violencia de xénero respecto da violencia machista e as súas necesidades de mellora.

b. Impulsar campañas específicas de concienciación do bo uso de internet, sobre os riscos do sexting e sobre a ciberviolencia de xénero e sexual”.

4.6 57733 (10/PNP-004287)
Grupo Parlamentario Mixto
Villares Naveira, Luis e 3 máis
Sobre a demanda que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co envío de representación deportiva a eventos que se organicen en países que lles denegan ás mulleres calquera dos dereitos recoñecidos na Declaración universal dos dereitos humanos
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 551, do 22.10.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado co fin de traballar a favor de acadar un consenso internacional para a reconsideración da participación de homes e mulleres deportistas en competicións deportivas organizadas por países nos que se vulneran os dereitos fundamentais da súa cidadanía, especialmente os das mulleres, eliminando así toda discriminación por razón de sexo nos países acolledores de eventos deportivos”.

4.8 58344 (10/PNP-004346)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
García Míguez, María Ángeles e 7 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa trata de seres humanos con fins de explotación sexual e a loita contra a violencia de xénero, así como as demandas que debe realizar ao Goberno central ao respecto
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 557, do 06.11.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Elaborar o primeiro Plan Estratéxico de Galicia contra a trata con fins de explotación sexual.
 
2. Fomentar que os concellos galegos realicen campañas de sensibilización social contra a trata con fins de explotación sexual coa finalidade de seguir concienciando á sociedade na loita contra esta lacra.
 
Especialmente no que ten que ver coa trata de mulleres e nenas, vítimas princiais, aumentando os fondos da Xunta destinados a campañas de promoción da igualdade nos concellos.
 
3. Amosar o apoio á FEGAMP para que se cumpra e se execute de maneira inmediata a medida nº77 do Pacto de Estado, relativa ao estudo xurídico que está a desenvolver a FEMP sobre as reformas que que se deberían levar a cabo nas ordenanzas municipais para rematar coa tolerancia na publicidade de servizos sexuais que facilitan actuacións delituosas.
 
4. Seguir a fomentar, en colaboración cos concellos galegos, a constitución e/ou dinamización das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero, xa que constitúen un instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, trasladando ao Parlamento un informe sobre o número de mesas constituidas e o seu grao de efectividade.
 
5. Incrementar para 2020 a contía das axudas destinadas ás entidades e organizacións que atenden as mulleres en situación de prostitución e vítimas de trata con fins de explotación sexual.
 
6. Dirixirse ao Goberno Central para demandar:
 
a. Modificar a Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia, para incluír que son tamén formas de violencia contras as mulleres, conforme ao Convenio de Istambul, a violencia física, psicolóxica e sexual, incluída a violación; dando así cumprimento á medida 104 do Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero.
 
b. Impulsar a aprobación dunha Lei orgánica de loita integral e multidisciplinar contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, que estableza mecanismos adecuados para a prevención, reforce a persecución de oficio do delito, promova a eliminación de publicidade de contido sexual e poña en marcha servizos e programas de protección social e recuperación integral das vítimas, dando así cumprimento á medida 257 do Pacto de Estado en materia de Violencia de
Xénero.
 
7. Presentar un informe específico ante o Parlamento galego sobre o desenvolvemento e execución do Obxectivo 2.3 do VII Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes (2015-2020) en relación a atención integral de mulleres e nenas vítimas de trata.
 
8. Impulsar formación específica en materia de trata de persoas con fins de explotación sexual entre todos os axentes implicados no seu tratamento e erradicación (xustiza, forzas e corpos de seguridade do estado, sanidade...).
 
9. Crear recursos públicos de acollemento para vítimas de trata con fins de explotación sexual”.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina