• Preséntase un catálogo recompilatorio da colección de arte do Parlamento de Galicia, “unha das máis variadas e valiosas coleccións de arte galega contemporánea”
• O presidente do Parlamento enmarca o volume nunha estratexia máis ampla que inclúe a catalogación, xestión, ordenación e conservación da colección seguindo criterios museísticos, co asesoramento da Real Academia Galega de Belas Artes
• A colección de arte constitúe un “aliciente adicional” para animar á cidadanía a coñecer o Pazo do Hórreo
Santiago, 21 de novembro de 2019.- O titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou hoxe o volume Colección de arte. Parlamento de Galicia, un coidado catálogo da que cualificou como “unha das máis variadas e valiosas coleccións de arte galega contemporánea”, co aliciente de que todas as obras son visitables nun único espazo, a sede da Cámara galega.
Coa publicación deste catálogo e a asistencia ao acto de diferentes artistas e as súas familias “queremos escenificar o compromiso e o respaldo explícito do poder lexislativo ao universo creativo galego”, afirmou o presidente do Parlamento de Galicia. Expresou, ao tempo, a “man tendida” a institucións como a Real Academia Galega Nosa Señora do Rosario.
Criterios museísticos
Para Santalices, a publicación do volume presentado hoxe vai máis aló do labor editorial, xa que se enmarca nunha estratexia máis ampla que inclúe a catalogación, xestión, ordenación e conservación da colección seguindo criterios museísticos, labor para a que a Cámara conta co asesoramento da Real Academia Galega de Belas Artes.
A colección de arte do Parlamento de Galicia está integrada por máis de 300 obras: pintura e escultura, fundamentalmente, aínda que conta tamén con fotografías, documentos, reposteiros, vidreiras e medallas. Trátase de obras do século XX e de comezos do XXI que nuns casos son propiedade da Cámara e noutros están cedidas en depósito, razón que levou a Santalices a agradecer a “xenerosidade” dos autores ou propietarios das pezas en depósito. Trátase, na súa opinión, dunha colección que “enriquece o patrimonio público, alimenta a sensibilidade artística e intelectual do noso pobo e certifica a ilimitada vocación creadora dos nosos artistas”.
O presidente do Parlamento apuntou que a colección de arte do Parlamento constitúe un “aliciente adicional” para animar á cidadanía a coñecer o Pazo do Hórreo, sede da Cámara, no marco de iniciativas como o programa de visitas guiadas ou a xornada semanal de portas abertas, todos os luns laborables.
Aprender do arte
Santalices Vieira felicitouse pola proxección internacional dos artistas galegos e apuntou que “afortunadamente, nin a arte nin o talento creativo saben de fronteiras”. Agregou que “tamén por iso, aínda que non só por iso, a política –tan dada nos últimos tempos a poñer barreiras e recuperar fronteiras diluídas no pasado- segue tendo moito que aprender do arte”.
O presidente do Parlamento foi precedido no uso da palabra polo conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta, Román Rodríguez González; polo presidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo; e polo profesor Francisco Javier Limia Gardón, autor dos textos dos volume. En datas próximas, o libro publicarase tamén en formato dixital na web do Parlamento de Galicia, onde se poderá acceder de balde ao seu contido.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.