saltar ao contido

O presidente do Parlamento anima aos galegos do exterior a utilizar as posibilidades de participación que ofrece a sede electrónica da Cámara

 
• Santalices Vieira participou este mediodía como convidado nun xantar-coloquio organizado polo Club de Xornalistas Galegos en Madrid
 
• Afirma que unha das súas aspiracións como presidente reside en propiciar acordos entre os diferentes grupos da Cámara

Santiago, 27 de novembro de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía como convidado nun xantar-coloquio organizado polo Club de Xornalistas Galegos en Madrid, no que explicou o funcionamento e principais retos da Cámara lexislativa autonómica.
 
Santalices Vieira recordou que o Parlamento de Galicia conta con novidosas ferramentas de participación derivadas da última Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá (2015), que reduciu de 15.000 a 10.000 o número de sinaturas que deben respaldar un proxecto de lei de iniciativa popular e introduce novidades como a posibilidade de que a cidadanía impulse proposicións non de lei, figura ata entón reservada en exclusiva aos grupos parlamentarios. O Parlamento de Galicia foi a primeira Cámara de España en ofrecer esta posibilidade á cidadanía.
 
Pioneiro foi tamén o Parlamento de Galicia, como recordou Santalices, ao poñer en servizo a súa sede electrónica, que desde novembro de 2018 ofrece a deputados, empresas e cidadanía procedementos de vangarda en materia de administración electrónica. A sede electrónica permite presentar, a través da web,  calquera documento relacionado  cos procedementos que tramita o Parlamento de Galicia, tanto no ámbito da participación cidadá na actividade parlamentaria, como os vinculados coa licitación electrónica ou o rexistro de facturas.
 
O presidente do Parlamento apuntou que esta posibilidade resulta especialmente útil para que os galegos do exterior podan facer uso das diferentes posibilidades de participación cidadá que ofrece a Cámara e animou a este colectivo a coñecer e a utilizar estas funcionalidades.
 
Propiciar acordos
 
Santalices apuntou que unha das súas arelas como presidente da Cámara pasa por lograr que o traballo parlamentario se manteña en sintonía coa sociedade, ademais lograr a adopción de acordos entre os diferentes grupos parlamentarios.
 
Para o presidente do Parlamento de Galicia a busca de consensos e colaboración institucional resulten esenciais en democracia e apuntou, a modo de exemplo, que o arredor do 80% das iniciativas que se debaten no Pleno da Cámara galega son impulsadas polos grupos da oposición.
 
Un Parlamento activo
 
Lembrou Santalices que a Cámara que preside é o Parlamento autonómico máis activo de España, con 900 horas de debate en Pleno desde o inicio da actual lexislatura, e tamén que a institución se atopa entre a máis económicas do Estado, cun custe medio por deputado que sitúa na metade do que custan en Cataluña ou no País vasco, e moi por detrás doutras Cámaras.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina