• Os presidentes do Parlamento de Galicia e da Real Academia Galega de Ciencias asinaron hoxe un convenio de colaboración que articula este asesoramento
• Na práctica, este convenio dota aos deputados do respaldo equivalente ao dunha oficina parlamentaria de ciencia e tecnoloxía, sen custe para a institución
Santiago, 12 de decembro de 2019.- Os presidentes do Parlamento de Galicia e da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Santalices Vieira e Juan Manuel Lema Rodicio, asinaron este mediodía un convenio de colaboración que permitirá a deputadas e deputados dispoñer de información científica obxectiva e de calidade para o desenvolvemento das súas funcións como integrantes do poder lexislativo.
En virtude deste convenio, a Real Academia Galega de Ciencias asesorará ao Parlamento de Galicia cos estudos, traballos ou informes que, en materia científica, lle solicite a Cámara galega, de maneira que deputados e deputadas podan dispoñer de información de calidade baseada na evidencia científica.
Este asesoramento poderá referirse tanto ás cuestións de interese relacionadas co desenvolvemento do labor de deputadas e deputados, como a aquelas que lles permitan anticiparse aos retos de futuro derivados do desenvolvemento científico.
Respaldo equivalente ao dunha oficina de ciencia e tecnoloxía
Na práctica, a sinatura deste acordo dota aos deputados e deputadas do respaldo equivalente ao dunha oficina de ciencia e tecnoloxía, aínda que sen custe algún para as arcas públicas.
O Parlamento de Galicia e a Real Academia Galega de Ciencia tamén poderán colaborar noutras iniciativas como exposicións, conferencias ou publicacións que promovan a cultura científica. Do mesmo xeito, a Cámara galega poderá recabar o asesoramento da Academia na procura dunha xestión máis eficiente ou para o desenvolvemento de novos proxectos derivados dos avances que se rexistren no ámbito das tecnoloxías e do coñecemento científico.
Agradecemento
O presidente do Parlamento de Galicia agradeceu ao profesor Lema Rodicio e a todos os integrantes da Real Academia Galega de Ciencias a súa dispoñibilidade e a xenerosidade para asesorar, de maneira desinteresada, á Cámara galega cun dobre obxectivo: incorporar a ciencia e tecnoloxía a axenda política e ofrecer aos lexisladores información científica de calidade que sirva de base para as súas decisións.
Ao acto de sinatura asistiron tamén a vicepresidenta da Real Academia Galega de Ciencias, Alicia Estévez Toranzo, e representantes dos grupos parlamentarios.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.