saltar ao contido

Santalices reitera o recoñecemento do Parlamento de Galicia “ao conxunto da emigración galega, coa que estamos en débeda”

 
• O presidente do Parlamento de Galicia recibiu este mediodía, canda o presidente da Xunta e a alcaldesa de Santander, o nomeamento como “Socio de Honra do Centro Galego de Santander”
 
Santiago, 14 de decembro de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu este mediodía, canda o presidente da Xunta e a alcaldesa de Santander, o nomeamento como “Socio de Honra do Centro Galego de Santander”, coincidindo coa clausura das actividades conmemorativas do centenario da Casa de Galicia en Cantabria (1919-1929).
 
Na súa intervención, o xefe do Lexislativo galego agradeceu a distinción, que fixo extensiva aos 75 deputados e deputadas da Cámara e reiterou o recoñecemento da Galicia territorial e das súas institucións ao Centro Galego, polo seu centenario e pola súa “fecunda actividade ao servizo do sentimento e da cultura galega”.
 
Reiterou Santalices  o recoñecemento do Parlamento de Galicia ao “conxunto da emigración galega de todos os tempos” e insistiu en que “Galicia está en débeda cos seus emigrantes”. Recordou que esa  foi a razón que animou ao Parlamento de Galicia a conceder a súa medalla de 2019 ao conxunto da emigración galega.
 
Agregou que esa débeda coa emigración ten variables de índole económica, social e cultural e “nunca está de sobra recordalo para evitar que a amnesia involuntaria nos leve a esquecer a epopea protagonizada polo conxunto da emigración galega”.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina