saltar ao contido

O Parlamento de Galicia mellorará o seu acceso cun proxecto que suprime barreiras arquitectónicas e separa o fluxo rodado do peonil

 
• O presidente da Cámara presentou hoxe o anteproxecto gañador do concurso de ideas, que agora deberá desenvolverse para iniciar as obras, previsiblemente, o vindeiro verán

Santiago, 27 de xaneiro de 2020.- A sede do Parlamento de Galicia contará proximamente cun acceso renovado que permitirá eliminar as barreiras que actualmente dificultan o acceso de persoas con mobilidade reducida, separará o fluxo peonil do rodado e evitará que os visitantes da Cámara deban agardar á intemperie para acreditarse.
 
Ese era o obxectivo do concurso de ideas convocado pola Cámara  para mellorar a accesibilidade do Pazo do Hórreo e suprimir barreiras arquitectónicas, do que resultou gañadora a proposta presentada por Tejedor y Otero Arquitectos, S.L.P.
 
O titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou este mediodía o anteproxecto seleccionado polo xurado e adxudicado pola Mesa da Cámara, ao tempo que inaugurou unha exposición integrada polos diferentes anteproxectos presentados ao concurso de ideas para a mellora da accesibilidade para unha sede aberta do Parlamento de Galicia. Para Santalices, esta exposición enmárcase na transparencia que caracteriza a xestión do Parlamento e vai moito máis aló das  esixencias legais establecidas para procedementos deste tipo.
 
“Necesidade evidente”
 
Segundo o presidente do Parlamento, a mellora dos accesos e a supresión das barreiras arquitectónicas o Pazo do Hórreo –comprometida tempo atrás cos colectivos que presentan ás persoas con discapacidade-, resulta “unha necesidade evidente”.
 
Explicou que a Administración parlamentaria optou por convocar un concurso de ideas, un proceso laborioso desde o punto de vista da tramitación pero que, en cambio, permite unha maior participación do sector, alentando así o talento e a creatividade dos profesionais da arquitectura.
 
Presentáronse ao concurso de ideas un total de 43 anteproxectos, dos que catro foron excluídos por non se axustaren ás bases do concurso.
 
Conforme á proposta do xurado (integrado por nove persoas   (seis delas arquitectos) o segundo premio correspondeu a Muñiz Mas Alfaya, S.L.P.; o primeiro accésit foi para  Miguel Ángel Gilabert Campos; o segundo accésit para Pilar Cano-Lasso Carretero; e o terceiro accésit para Rubén Rodríguez Iglesias.
 
Agora, o estudio gañador do concurso de ideas deberá redactar o proxecto arquitectónico definitivo para a execución das obras, que contarán cun orzamento máximo de 1,6 millóns de euros e, de continuar  a tramitación segundo o previsto, poderían comezar no verán deste ano.
 
Do anteproxecto gañador, o xurado destaca que integra a nova edificación como parte do basamento do edificio do Parlamento, utiliza a pedra como material básico da intervención canda elementos máis lixeiros e diáfanos, ao tempo que racionaliza e xerarquiza o acceso ao edificio, evitando a interferencia entre o fluxo rodado e peonil. O anteproxecto favorece a eficiencia enerxética nos novos espazos.
 
Superar as dificultades actuáis
 
A solución técnica adoptada no seu momento para facilitar o acceso ordinario ao pazo do Hórreo presenta, arestora, notables carencias, especialmente para as persoas con diversidade funcional.
 
Na actualidade, o control de acceso está separado da entrada do edificio. Estes dous puntos están unidos por unha rampa dunha pendente próxima ao 20%, e cun pavimento irregular, circunstancias que dificultan a accesibilidade, especialmente para as persoas con problemas de mobilidade.
 
Ao tempo, nin a caseta de seguridade, nin a rampa que a comunica coa entrada ao edificio contan con elementos de protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas, polo que os grupos de persoas que visitan o Parlamento se ven obrigados a facer cola á intemperie. Esta carencia resulta especialmente molesta nos días de chuvia e afecta especialmente ás visitas escolares, de grupos da terceira idade e persoas con diversidade funcional. A maiores, o espazo de circulación de persoas é compartido co tráfico rodado de vehículos que saen do aparcamento do recinto.
 
Ademais dos problemas en materia de accesibilidade que presenta o edificio, a intervención resulta necesaria para poder atender o crecente volume de persoas que acoden ao Parlamento, tanto para participar na actividade institucional, como nas diferentes modalidades de visitas (portas abertas, visitas guiadas ou o Coñece as túas institucións dirixido ao estudantado galego).
 
No acto celebrado este mediodía no Parlamento, Santalices foi precedido no uso da palabra pola presidenta do xurado do concurso de ideas, a letrada María Aneiros; e polo representante do anteproxecto gañador do concurso, Julio Otero Cruz.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina