A Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 8 de outubro de 2020, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 794 (11/PNC-000047)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Porro Martínez, María Corina e 13 máis
Sobre a exixencia da Xunta de Galicia ao Goberno do Estado do cumprimento, co cofinanciamento do 50%, da Lei de dependencia
BOPG n.º 9, do 02.09.2020
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento insta á Xunta de Galiza a esixir do Goberno do Estado que cumpra co cofinanciamento do 50% da Lei de dependencia así como a pagar a contía adebedada a Galiza desde a entrada en vigor da devandita lei, para que a participación da Xunta de Galicia e do Goberno central sexa equitativa.
Así mesmo, o Parlamento insta a Xunta de Galiza a adoptar as medidas necesarias para reducir a listaxe de agarda e o tempo de tramitación dos expedientes relativos á Lei de dependencia até cumprir cos prazos máximos establecidos na lexislación vixente.”
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 1945 (11/PNC-000186)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio e Ortega Otero, Marina
Sobre a presentación por parte da Xunta de Galicia dun informe cos resultados definitivos do estudo serolóxico autonómico en relación coa covid-19
BOPG n.º 19, do 22.09.2020
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a presentar un informe cos resultados definitivos do estudo serolóxico da Xunta de Galicia, con datos abertos e con plena disposición de consulta para calquera que o precise.”
- 2449 (11/PNC-000253)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 2 máis
Sobre a presentación polo Goberno galego no Parlamento de Galicia, no actual período de sesións, do plan de saúde mental anunciado polo presidente da Xunta de Galicia no debate de investidura. (Procedemento de urxencia)
BOPG n.º 23, do 30.09.2020
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego a que presente no Parlamento galego no actual período de sesións o Plan de Saúde Mental anunciado polo Presidente da Xunta e que no mesmo se contemple a dotación orzamentaria, persoal, cronograma de aplicación e avaliación, para poñer fin á desplanificación e dano á saúde e aos recursos sanitarios e sociais realizados nos últimos once anos.”