saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 11 de novembro de 2020


 
 
6.2 2796 (11/PNP-000285)
 Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
 Bará Torres, Xosé Luís e 3 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central en relación coa liña ferroviaria Vigo-Porto
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 27, do 07.10.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:
 
1.- Incluír na axenda postcovid a modernización da liña ferroviaria Vigo Porto e a súa consideración como proxecto estratéxico e prioritario para a Eurorrexión, co obxectivo de contar cun tren competitivo, moderno e rápido que garanta a mobilidade sustentable e segura. Con este obxectivo, o goberno galego impulsará, diante dos gobernos español e portugués, as seguintes actuacións:
 
• A modernización da liña ferroviaria, entendida como traxecto de media distancia que dá continuidade ao eixo Coruña-Vigo.
• A redacción dun estudo do conxunto da rede ferroviaria da área metropolitana de Vigo para a súa vertebración.
• Impulsar a inclusión do tramo Vigo-Porto á rede básica TEN-T do Corredor Atlántico Ferroviario de Mercadorías.
• Impulsar a aprobación do proxecto da saída sur de Vigo e a súa construción.
• Estudar e aprobar unha alternativa ao paso da vía férrea polo centro da vila do Porriño.
• Completar a electrificación da vía, nunhas condicións homoxéneas a ambos lados do Miño.
• Mellorar as condicións de seguranza do trazado e suprimir os pasos a nivel.
 
2.- Demandar ao goberno do Estado, na medida en que a situación sanitaria o permita, o incremento da oferta de servizos e mellora da combinación de horarios no traxecto Vigo-Porto.
 
3.-  Reclamar do goberno do Estado que transitoriamente acometa a modernización dos vehículos que circulan pola liña Vigo Porto.
 
4.- Solicitar ao Goberno Español o acordo coa Xunta de Galicia das fases e os prazos de execución da modernización da infraestrutura entre Vigo e o Miño, así como da saída sur de Vigo; co obxectivo de que a conexión entre Vigo e O Porto nunha duración de menos dunha hora, sexa unha realidade no ano 2030 en consonancia cos prazos marcados polo goberno portugués”.
 
6.3 3737 (11/PNP-000412)
 Grupo Parlamentario Popular de Galicia
 Rodeiro Tato, Ovidio e 6 máis
Sobre a posición do Parlamento de Galicia en relación coa rebaixa, polo Ministerio de Educación, a través do Real decreto lei 31/2020, do nivel e dos requisitos para que un alumno aprobe, promocione ou titule no curso 2020-2021 con independencia do número de materias suspensas
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 36, do 28.10.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia declara a súa posición contraria a que, a través dun Real Decreto-Lei que ignora o previsto na normativa orgánica de educación e que non foi pactado coas CC.AA., o Ministerio de Educación decida rebaixar o nivel e os requisitos para que un alumno aprobe, promocione ou titule no curso 2020-21 con independencia do número de materias suspensas; ao entenderse que esta medida non é acorde coa situación actual dos sistema educativo, suprime a función da educación como xeradora de igualdade de  oportunidades no alumnado”.
 
6.5 3945 (11/PNP-000436)
 Grupo Parlamentario Popular de Galicia
 Amigo Díaz, María Encarnación e 6 máis
Sobre a elaboración pola Xunta de Galicia, no marco do futuro plan galego de oncoloxía, dunha estratexia de medicina personalizada e terapia celular avanzada, así como a posta en marcha en Galicia dun centro de terapia CAR-T
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 36, do 28.10.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que, no marco do seu futuro Plan Galego de Oncoloxía, elabore unha estratexia de medicina personalizada e terapia celular avanzada e poña en marcha un centro de terapia CAR-T en  Galicia, intensificando  o apoio para que o desenvolvemento integral do proceso de terapia CAR-T se realice de maneira completa  no sistema público de Galicia”.
 
6.6 3973 (11/PNP-000441)
 Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
 Francisco Rivera, Juan Carlos e 2 máis
Sobre o establecemento polo Goberno galego dun plan de axudas directas a fondo perdido dirixido a paliar o impacto económico da covid-19 no sector da hostalaría en Galicia
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 36, do 28.10.2020

O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego, dentro da súa capacidade orzamentaria e tendo en conta a marxe fiscal derivado da flexibilización das regras de déficit autorizadas polo Ministerio de Hacienda, insta a Xunta de Galicia a adoptar de xeito urxente un plan de axudas directas a fondo perdido dirixidas a paliar estragos económicos que a covid-19 está a producir no sector da hostalaría en Galicia”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina