• “As nosas deputadas e deputados non precisan empregar insultos nin descualificacións persoais para defender os seus postulados”, afirma
• O presidente do Parlamento clausurou a Asemblea Xeral da Confederación de Empresarios de Pontevedra, onde reivindicou o papel destas organizacións nunha sociedade democrática
Santiago, 14 de decembro de 2020.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, clausurou esta tarde en Vigo a Asemblea Xeral da Confederación de Empresarios de Pontevedra, onde reivindicou a importancia das diferentes organizacións xurdidas da sociedade civil, que considerou “imprescindibles para articular un discurso coherente, en representación e defensa dos seus asociados, pero tamén na defensa dos valores democráticos e dun marco de convivencia garantido polos dereitos e deberes dos que entre todos nos temos dotado”.
Santalices Vieira aproveitou a súa intervención para facer pedagoxía parlamentaria na medida en que considera que boa parte da sociedade percibe ás cámaras como institucións afastadas da xente, “malia que iso non sempre se corresponda co que de verdade sucede, sobre todo no caso de Galicia”. Explicou que “a diferenza do que acontece noutros hemiciclos, hoxe, o Pazo do Hórreo é escenario de debates sosegados e consensos frecuentes”. Puxo como exemplo as diferentes proposicións non de lei aprobadas no Pleno celebrado a pasada semana, entre a que destacou a que demanda prioridade para o corredor ferroviario atlántico en condicións e prazos similares aos previsto para infraestruturas similares no resto da Península.
“Trátase –afirmou-, dun exemplo do que debe ser o traballo parlamentario: diálogo para achegar posturas e transacción para aunar as diferentes propostas de cara a consensuar entre todos unha postura unánime respecto a un asunto de gran calado para o futuro do país”.
Recoñecemento ás deputadas e deputados
Agregou o titular do Lexislativo galego que “as nosas deputadas e deputados non precisan empregar insultos nin descualificacións persoais para defender os seus postulados con vehemencia. É unha realidade que está á vista de todos e que nestes tempos de crispación resulta reconfortante para cantos cremos no poder da palabra, no estado de dereito e no respecto ás regras de xogo sobre as que se sustenta a democracia. Non é mérito de quen lles fala, senón de cada un dos deputados e deputadas que integran a Cámara galega”.
Santalices explicou que a Cámara galega é o lexislativo autonómico máis activo de España, e tamén o máis eficiente e o que ofrece maiores posibilidades de participación cidadá no traballo parlamentario.
Mecanismos de participación cidadá no Parlamento
Nesta liña, convidou aos seus anfitrións a coñecer e a utilizar as diferentes posibilidades de participación que ofrece o Parlamento de Galicia, especialmente a que permite efectuar propostas relacionadas cos textos lexislativos que se atopan en fase de tramitación. “Todas as propostas son sempre benvidas –dixo-, porque o Parlamento de Galicia está, sobre todo, ao servizo da xente e das empresas de Galicia; porque sen empresas non hai sociedade de benestar posible, probablemente o maior logo destas catro décadas de democracia e de estado das autonomías”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.