saltar ao contido

Santalices súmase á homenaxe a Enrique Peinador polo respaldo que o filántropo prestou á revista Nós

 
• Peinador Lines fixo posible, coa súa axuda económica, a reaparición de Nós en xullo de 1925, logo de dous anos desaparecida por dificultades financeiras

Santiago, 19 de decembro de 2020.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía na homenaxe tributada, no Concello de Mondariz-Balneario a Enrique Peinador Vila, na súa condición de filántropo que, coa súa axuda económica, propiciou a reaparición da revista Nós en xullo de 1925, logo de dous anos sen editarse debido ás dificultades financeiras do proxecto.
 
A axuda de Enrique Peinador Lines chegou en resposta a unha carta remitida por Vicente Risco en maio de 1925.
Na súa intervención, o presidente do Parlamento  gabou a traxectoria do homenaxeado, ao que cualificou como un home adiantado ao seu tempo, visionario, pioneiro no desenvolvemento do turismo termal e cultural como fonte de riqueza e sempre comprometido con Galicia. Recordou que Peinador Lines mantivo unha frutífera relación cos galeguistas da súa época e exerceu como mecenas da cultura galega.
 
Centenario de Nós
 
Santalices Vieira considerou especialmente acaída a homenaxe tributada hoxe a Peinador Lines: porque contribúe a divulgar unha figura descoñecida por boa parte da sociedade galega, e porque o acto coincide coa celebración do primeiro centenario da xeración Nós. “Como galego, e como descendente dunha familia de ourensáns que cultivaron a amizade e o ideario de aqueles galeguistas é unha honra e un orgullo participar nesta homenaxe, de lembranza e de agradecemento sincero”, aseverou.
 
O presidente do Lexislativo galego felicitou ao historiador Ricardo Gurriarán  pola biografía de Enrique Peinador, da que e autor. Felicitou tamén a Xosé González, presidente do Foro Enrique Peinador, pola organización deste acto, ao tempo que lle trasladou os seus parabéns pola recente concesión do Premio da Cultura Galega 2020, na modalidade de lingua.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina