Pleno do Parlamento de Galicia, 21-12-2020
Antes de rematar a sesión desta mañá, permítanme, señorías, unhas breves palabras para recordar o aniversario que hoxe se celebra.
• Tal día coma hoxe, o 21 de decembro de 1980, someteuse a referendo o vixente Estatuto de Autonomía de Galicia. Remataba, co veredicto popular emitido aquel día nas urnas, a primeira fase do longo camiño percorrido por Galicia para dotarse dun marco xurídico sustentador da súa autonomía política e que en datas posteriores se foi desenvolvendo, paseniñamente, pero con tanta solidez como nas democracias máis consolidadas.
• Ao lembrar o 40 aniversario da aprobación do vixente Estatuto de Autonomía rendemos tributo a todas as persoas que se entregaron en corpo e alma á elaboración deste texto estatutario e sortearon toda clase de atrancos antes de ser plebiscitado; e homenaxeamos tamén, por suposto, a cantos ofreceron o mellor de si na conformación das diferentes propostas elaboradas na década dos 30 do pasado século e que culminaron co referendo estatutario celebrado o 28 de xuño de 1936.
• Por desgraza, o estourido da Guerra Civil impediu completar a tramitación daquel estatuto nas Cortes. No entanto, a semente —adormecida durante a ditadura— acabou por ofrecer o seu froito, aínda que serodio, en forma de recoñecemento constitucional á nosa condición de nacionalidade histórica.
• Permítanme que, antes de concluír, convide as súas señorías a reflexionar sobre o moito que, co concurso de todas e todos, ten avanzado Galicia, nos diferentes ámbitos, nestes 40 anos de vixencia do noso Estatuto.
• España e Galicia atravesaron, nestas catro décadas, o período de maior crecemento económico e estabilidade social de toda a nosa historia milenaria. Continuar transitando por esta senda para seguir brindando á nosa xente maiores cotas de benestar é posible, pero tamén é unha obriga inescusable para todas e todos os que exercemos responsabilidade públicas, incluídas as persoas que temos a honra de formar parte desta Cámara.
• Se Galicia posúe e exerce unha autonomía plena, coas súas propias institucións de autogoberno —incluído este Parlamento que dentro dun ano celebrará 40 anos de vida— é consecuencia do Estatuto que hoxe conmemoramos. Cómpre recordalo sempre, e moi especialmente no día de hoxe.
Moitas grazas.