saltar ao contido

O Parlamento prorroga ata o 31 de marzo a mostra documental e bibliográfica sobre Carballo Calero

Santiago, 4 de xaneiro de 2021.- O Parlamento de Galicia vén de prorrogar ata o vindeiro 31 de marzo a “Mostra Bibliográfica de Ricardo Carvalho Calero”, aberta ao público no Pazo do Hórreo e conformada por  libros e documentos do arquivo persoal do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020.
 
Co obxectivo de garantir a distancia social e demais medidas de prevención da covid-19, o Parlamento de Galicia optou por xestionar as visitas mediante solicitude previa, que pode efectuarse por correo electrónico (presidencia@parlamentodegalicia.gal) ou por teléfono (981  55 13 39 ou 981 55 13 80).
 
A mostra, inaugurada onte canda a presentación do libro Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións, editado polo Parlamento, foi coordinada por Pilar García Negro, na súa condición de experta na figura do homenaxeado.
 
A exposición está integrada por medio cento de libros e máis dunha vintena de documentos entre os que se inclúen o carné de socio do Seminario de Estudos Galegos e dúas cartas de Otero Pedrayo, entre outro material pertencente ao arquivo de Carballo Calero, depositado no Parlamento de Galicia, desde 1997, xunto coa súa biblioteca.
 
As visitas á mostra –situada nun dos corredores do Pazo do Hórreo e na sala Carballo Calero da Biblioteca do Parlamento- efectuarase en grupos reducidos, sempre en función da situación sanitaria do momento.
 
Fondos
 
A que no seu momento fora biblioteca persoal de Ricardo Carballo Calero, depositada no Parlamento de Galicia, está catalogada desde o ano 2012 e integrada por 4.872 volumes e 197 titulos de revistas. A maioría dos libros gardan relación coa literatura e a lingüística, disciplinas nas que se centrou o labor profesional de Carballo Calero, que foi o primeiro catedrático de lingua e literatura galega da Universidade de Santiago;  conta, ademais, con obras de historia ou filosofía.
 
Esta biblioteca pode resultar especialmente interesante para os investigadores que traballen no eido da lingüística e a literatura galegas. Inclúe unha moi completa colección de obras de autores galegos desde o séxulo XIX ata a década dos 80 do século pasado,  entre as que se atopan gran cantidade de primeiras edicións, coleccións completas e  obras de edicións esgotadas que no seu momento tiveran edicións de moi pequena tirada. Destacan tamén primeiras edicións de autores da xeración do 27.
 
Cartas e manuscritos
 
O Parlamento de Galicia custodia tamén o arquivo persoal de Carballo Calero, descrito en preto de 3.500 entradas catalográficas.
 
Este fondo documental está integrado por material diverso no que se inclúen manuscritos do propio autor e preto de 4.000 cartas, entre as que se atopan escritos de Fernández del Riego, Montero Díaz, Parga Pondal, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Tomás Barros, Álvarez Blázquez, Rodrígues Lapa ou Sebastián Martínez Risco.
 
O Parlamento de Galicia cuestodia tamén a biblioteca dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte (os dous foron escritores e xornalistas) e a da escritora Elena Quiroga e o marido desta, Dalmiro de la Válgoma.
 
O catálogo desta colección, ao igual que o catálogo xeral da biblioteca do Parlamento, pode consultarse a través da web da institución.
 
Os investigadores e outras persoas interesadas en consultar o material deben desprazarse fisicamente á sede da Cámara, previa autorización de acceso á Biblioteca da institución.
 
O exhaustivo labor de catalogación destes arquivos e bibliotecas e a dixitalización dos arquivos implicou un intenso traballo. O labor foi dirixido polos servizos do Parlamento de Galicia e contou coa participación activa dos bolseiros seleccionados ao abeiro da convocatoria do Parlamento de Galicia para a formación  práctica de arquiveiros, bibliotecarios e documentalistas.
 
Previamente fixérase unha primeira clasificación e descrición xeral da documentación e material bibliográfico que integra estas coleccións.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina