saltar ao contido

Acordos da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, celebrada o 11 de febreiro de 2021

A  Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 11 de febreiro de 2021, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 7924 (11/PNC-000858)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Amigo Díaz, María Encarnación e sete máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para remitir ao Parlamento, ao longo do ano 2021, un proxecto de lei de prevencións das adiccións en menores
BOPG n.º 79, do 20.01.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a remitir a esta Cámara, ao longo do ano 2021, un proxecto de lei de prevencións das adicións en menores que, centrando a súa atención nos menores de idade, asuma unha visión que non faga una división estanca entre este sector poboacional e o resto e evite a criminalización e estigmatización sobre os problemas existentes, integrando a todos os axentes sociais na resolución dos problemas e que, como mínimo:
 
- Integre e renove a normativa de prevención do consumo de alcohol do ano 2010, reforzando as limitacións no eido da publicidade.
 
- Incorpore restricións á publicidade e ao acceso aos menores a tabaco e cigarros electrónicos equiparables ás previstas para as bebidas alcohólicas e introduza medidas de sensibilización e prevención relativas aos prexuízos sanitarios do consumo de cigarros electrónicos.
 
- Estableza medidas de prevención específicas para menores respecto a outras substancias aditivas, que complementen ás establecidas de xeito xeral na Lei de Galicia sobre drogas.

- Instaure por primeira vez na lexislación galega medidas de prevención de outras adicións sen substancia relacionadas co uso das tecnoloxías dixitais e, en particular, coas relacionadas co uso das redes sociais e os videoxogos.
 
O Parlamento galego insta, asemade, a Xunta de Galicia a remitir á Cámara galega á maior brevidade, unha vez cumpridos os trámites preceptivos para a súa aprobación, a anunciada Lei de Xogo, dedicando esforzos ao combate contra os problemas que estas adicións poden provocar nos menores de idade."

Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 7391 (11/PNC-000818)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e dous/dúas máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia relativas á reposición ao seu número habitual do persoal sanitario do Centro de Saúde de Ribeira, o reforzo do persoal, as substitucións e as solucións á falta de espazo
BOPG n.º 73, do 11.01.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1.- Repoñer de inmediato ao seu número habitual o persoal sanitario do centro de saúde de Ribeira.
 
2.- Reforzar o cadro de persoal sanitario e non sanitario diante das necesidades derivadas da pandemia.
 
3.- Levar a cabo as substitucións de calquera membro da plantilla de persoal do centro en canto se produzan.
 
4.- Buscar sen dilación alternativas para a falla de espazo nese centro de saúde, nomeadamente no referido ao PAC."

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina