saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 24 de febreiro de 2021


6.1 4762 (11/PNP-000541)
 Grupo Parlamentario Popular de Galicia
 Tellado Filgueira, Miguel Ángel e 8 máis
Sobre a demanda por parte do Goberno galego ao Goberno central da encarga da construción dun buque de acción marítima para a Armada española nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 44, do 11.11.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a esixir do Goberno do Estado a encargar aos estaleiros de Navantia en Ferrol a construción dun BAM (Buque de Acción Marítima) para a Armada Española, que permita dotar de carga de traballo inmediata á ría de Ferrol, tanto para a plantilla principal como para a industria auxiliar”.

6.6 10320 (11/PNP-001026)
 Grupo Parlamentario Popular de Galicia
 Prado del Río, Paula e 14 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central en relación coa situación que están a padecer as mulleres no ámbito laboral e familiar.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 91, do 10.02.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1.- Fomentar en colaboración coas entidades locais, medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade nos que se incorpore a perspectiva de xénero.
 
2.- Fomentar en colaboración coas organizacións sindicais e empresariais, e dentro do marco do Diálogo Social, a aprobación de novas medidas que incentiven a corresponsabilidade e a conciliación, a través de Plans específicos, incentivando no ámbito laboral novas modalidades de traballo flexibles, promovendo que estas se desenvolvan tamén polos homes, e artellando medidas que garantan a compatibilidade entre teletraballo e conciliación.
 
2. bis.- Procurar a paridade en todos aqueles centros de xestión da pandemia nos que se toman decisións.
 
3.- Fomentar en colaboración coas organizacións sindicais e empresariais, e dentro do marco do Diálogo Social, o a implantación de Plans de Igualdade nas empresas, os cales deberán dispoñer dun rexistro retributivo de todo o persoal, podendo así analizar e corrixir potenciais desigualdades salariais existentes nas súas organizacións.
 
4.- Realizar un Plan de sensibilización e concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable así como horarios máis racionais.
 
4. bis.- Nos traballos actuais de avaliación do I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, aplicar indicadores do impacto da covid-19 no ano 2020, antes de rematar o actual período de sesións, e do resultado de dita avaliación, modificar as medidas que sexan necesarias para o ultimo tramo de vixencia do Plan actual así como aquelas que se inclúan no novo Plan.
 
5.- Realizar un estudo, en colaboración coas universidades galegas, que analice o reparto do traballo doméstico, tanto no coidado de menores e persoas dependentes, como de tarefas domésticas no fogar, para determinar as súas necesidade específicas e, de resultar preciso, definir novas actuacións ao respecto.
 
6.- Ter en conta na elaboración das medidas a denominada “interseccionalidade”, en virtude da cal algúns sectores da sociedade, como as mulleres anciás, as mulleres con diversidade funcional, as mulleres pertencentes ao colectivo LGBTI e as minorías étnicas e inmigrantes, son particularmente vulnerables ao virus e ás súas consecuencias.
 
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado:
 
1.- A aprobación da Lei de Igualdade Salarial para rematar coa fenda salarial de xénero entre homes e mulleres. E mentras non estea aprobada se incremente e dote de recursos suficientes á inspección laboral co fin de perseguir calquera discriminación que por razón de xénero se produzca no ámbito laboral.
 
2.- A modificación e actualización da Lei de Conciliación e Corresponsabilidade de 1999 onde se teña en conta a nova realidade demográfica, a racionalización horaria e favoreza a compatibilidade do traballo coa vida persoal e familiar”.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina