2.2 11850 (11/MOC-000029)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Díaz Varela, Noa Susana
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación cos efectos da pandemia da covid-19 nas mulleres galegas. (Moción, a consecuencia da Interpelación nº 7604, publicada no BOPG nº 79, do 20.01.2021, e debatida na sesión plenaria do 23.02.2021)
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:
1.- Asegurar que a perspectiva de xénero estea presente nos proxectos presentados pola Administración autonómica galega aos Fondos Next Generation.
2.- Revisar o Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021 para incorporar posibles novas accións que dean resposta á nova realidade xurdida coa pandemia.
3.- Establecer medios para combater a fenda dixital de xénero, sobre todo naqueles fogares máis vulnerables con dificultades de acceso a internet e a dispositivos electrónicos que impiden o mantemento do emprego cando a única opción é o teletraballo”
2.3 11854 (11/MOC-000030)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Fernández Alfonzo, Ramón
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa obtención de novas oportunidades de explotación enerxética en Galicia. (Moción, a consecuencia da Interpelación nº 9630, publicada no BOPG nº 91, do 10.02.2021, e debatida na sesión plenaria do 23.02.2021)
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España coa finalidade de:
1. Condicionar o proceso de peche a que se chegue a un acordo coa representación dos e das traballadoras que garanta a continuidade do emprego e proxectos concretos de futuro.
2. Condicionar a participación de Endesa na subasta de evacuacións e novas autorizacións, concesións e adxudicacións de MW á consecución dun acordo que garanta o emprego dos traballadores da empresa principal e das auxiliares. A asignación de novas instalacións de produción e enerxías renovables en As Pontes e en toda a comarca conterá, necesariamente, un proxecto de desenrolo económico e un plan industrial para a súa execución.
3. Posibilitar que a concesión de acceso aos nodos de rede afectados polos peches das térmicas de Galicia sirvan para incentivar a implantación de proxectos nos territorios que perden tecido empresarial e blindar o emprego nestas zonas ande se subasta a capacidade de acceso á rede de transporte.
4. Garantir a implementación de novas proxectos industriais na comarca que emanen dos convenios de transición xusta e dos plans Futur-E de Endesa.
5. Cumprir tanto os obxectivos como as diferentes medidas acordadas no Plan de Acción Urxente 2019-2021 para comarcas de carbón e centrais en peche.
6. Ofrecer unha solución de continuidade industrial á
central de As Pontes, de xeito que se garanta o mantemento dos postas de traballo, non só da central senón tamén os da industria auxiliar e dos transportistas.
7. Instar ao Goberno de España a convocar urxentemente a Mesa de Traballo para a transición enerxética xusta para As Pontes, así como a constitución dunha mesa específica para tratar a problemática do persoal da industria auxiliar de Endesa, co obxecto de concretar o número de traballadores e traballadoras afectados e a súa garantía de emprego.
8. Demandar a implicación e colaboración do Goberno español e da Xunta de Galicia para apoiar conxuntamente os proxectos industriais de reindustrialización necesarios a implantar en As Pontes para optar aos fondos da UE Next Generation.
9. Avanzar no Convenio de Transición Xusta para As Pontes para poder completalo canto antes cun cronograma definido de financiación e accións a realizar".
Saúdos, Gabinete de Comunicación.