• A Mesa da Cámara acordou hoxe a concesión da súa máxima distinción, coincidindo co primeiro centenario da Xeración Nós e como recoñecemento ao compromiso galeguista inzado polos integrantes deste grupo
• A Medalla será entregada o 6 de abril, coincidindo co 40 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia
Santiago, 16 de marzo de 2021.- A Mesa do Parlamento de Galicia acordou, na súa reunión de hoxe, por unanimidade, conceder a Medalla do Parlamento ao conxunto da Xeración Nós e os seus discípulos. O galardón recoñece o legado galeguista dos integrantes da Xeración Nós, coincidindo co seu primeiro centenario.
O 30 de outubro de 1920 ve a luz o primeiro número da revista Nós, ideada, editada e sostida, entre 1920 e 1936 por un grupo de intelectuais galeguistas liderados por Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Alfonso R. Castelao, Arturo Noguerol, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo, círculo que se iría ampliando a un conxunto máis heteroxéneo de colaboradores que participaron neste proxecto, nas súas distintas fases, ata a súa desaparición en 1936.
Personalidades como Xavier Prado “Lameiro”, Ánxel Casal ou Ramón Cabanillas resultan esenciais neste proxecto, ao igual que todas as figuras –preto de 200- do denominado segundo círculo, que colaboraron nas diferentes etapas da revista.
Galeguismo
Uns e outros conformaron un conxunto de persoas cosmopolitas, europeístas, cultas e vangardistas, mais fondamente enraizadas na realidade local. Con eles, a denominada Xeración Nós, o galeguismo comezou unha nova andaina.
A experiencia de Nós rematou abruptamente co golpe de estado de 1936, a guerra civil e a ditadura, pero a súa semente e o seu exemplo permaneceron imperecedoiros na Galicia territorial e na emigración, sinala o acordo adoptado pola Mesa da Cámara.
O vixente Estatuto de Autonomía de Galicia, promulgado o 6 de abril de 1981, é herdeiro e continuador do truncado Estatuto de 1936, froito do esforzo e o compromiso galeguista inzado pola Xeración Nós.
Galicia, en débeda coa Xeración Nós
O acordo da Mesa considera que a autonomía política da Galicia actual é tributaria da semente depositada pola Xeración Nós, méritos que a Cámara galega quere recoñecer coa concesión da Medalla do Parlamento de Galicia 2021.
Por iso, no primeiro centenario da aparición da revista Nós, a Medalla do Parlamento de Galicia 2021 ao conxunto dos integrantes da Xeración Nós e os seus discípulos será entregada ás catro únicas fundacións que, a día de hoxe, perpetúan a memoria dos persoeiros constituíntes da Xeración Nós:
• Fundación Otero Pedrayo
• Fundación Castelao
• Fundación Antón Losada Diéguez
• Fundación Vicente Risco
40 aniversario do Estatuto de Autonomía
Ao igual que nas edicións anteriores, a Medalla do Parlamento de Galicia será entregada do vindeiro 6 de abril, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia, que este ano celebra o seu 40 aniversario.
Nas anteriores edicións, a Medalla do Parlamento de Galicia foi entregada aos/as expresidentes/as do Parlamento de Galicia (2016); Comisión dos 16 (autores do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia, en 2017); Cáritas diocesanas, COGAMI e Aldeas Infantiles SOS (2018); e á emigración galega (entregada aos 14 centros e entidades que integran a Comisión delegada do Consello de Comunidades Galegas, como lexítimos representantes do conxunto da emigración galega de todos os tempos, na edición de 2019).
No pasado ano, 2020, a Medalla do Parlamento de Galicia non foi concedida porque a Cámara se atopada disolta na data prevista para o acto de entrega que coincidía, ademais, co confinamento derivado da primeira onda da covid-19.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.