saltar ao contido

Santalices reivindica a “lealdade institucional e constitucional” do Parlamento e reitera que a Cámara “non tomará ningunha decisión sen o debido respaldo dos servizos xurídicos”

 
• O Parlamento de Galicia celebra unha xornada conmemorativa do 40 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía, inaugurada polo presidente do Tribunal Constitucional e que será clausurada polo presidente da Xunta de Galicia
 
• A xornada inclúe cadansúa mesa redonda para abordar as catro décadas do Estatuto desde a óptica xurídica e dos medios de comunicación
 
• O presidente do Parlamento advirte que “as noticias falsas ameazan a democracia” e insiste en que “cómpre apostar polo xornalismo”
 
Santiago, 12 de abril de 2021.- O Parlamento de Galicia acolle esta mañá unha xornada conmemorativa do 40 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía, inaugurada polo presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas, e que será clausurada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
 
Na intervención de apertura, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, lembrou que Galicia accedeu ao seu autogoberno grazas á Constitución e ao Estatuto e que “paseniñamente, sen case facer ruído, pero sen pausa, Galicia acabou por se situar entre os territorios con maior capacidade de autogoberno de Europa”.
 
“Autonomía política, por suposto, pero lealdade institucional e constitucional, tamén”, aseverou Santalices antes de reiterar que na Cámara galega “non se tomará ningunha decisión sen o debido respaldo dos servizos xurídicos”.
 
Agregou o presidente do Parlamento que “nada nin ninguén ten cabemento fóra do noso ordenamento xurídico” e congratulouse de que en Galicia non se rexistren actitudes como as presentes noutras latitudes. “O sentidiño, o rigor e a lealdade institucional – explicou- presidiron e presiden a acción dos servidores públicos, dun e doutro signo, que se foron sucedendo ao longo destes corenta anos no exercicio do autogoberno”.
 
A xornada que se celebra esta mañá na sede do Parlamento inclúe dúas mesas redondas nas que se analizarán estas catro décadas de Estatuto desde o enfoque xurídico e o dos medios de comunicación.
 
Na primeira, titulada “O Estatuto de Autonomía de Galicia. Unha ollada académica”, participan a profesora de Dereito Constitucional da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, Sonia García Vázquez; a decana da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Gude Fernández; e o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago Roberto Blanco Valdés.
 
Rigor e regras claras
 
“A política é sempre necesaria, por suposto, pero o seu correcto exercicio precisa rigor e regras claras que só o ordenamento xurídico nos ofrece”, argumentou Santalices.
A segunda das mesas redondas programadas -“Contribución da prensa galega á consolidación da autonomía. Análise e perspectivas”- contará coa participación dos directores dos seis principais xornais galegos, “que desde moito antes dos albores da nosa autonomía acoden puntuais á súa cita diaria cos lectores”.
 
O presidente do Parlamento de Galicia enfatizou a “contribución decisiva dos medios de comunicación”, xa que desde o primeiro momento “entenderon a oportunidade que se abría para Galicia e apoiaron sen titubeos primeiro a transición desde a ditadura á democracia e, despois, o deseño e consolidación da nosa autonomía”.
 
Por iso, ao conmemorar o 40 aniversario da promulgación do Estatuto, “queremos reivindicar e agradecer o traballo dos medios de comunicación, que nos acompañaron daquela e nos acompañan agora, informando con rigor e coa imparcialidade que obriga o bo xornalismo”. Para os participantes nesta xornada, “e para os restantes medios, noso agradecemento e recoñecemento sinceros”, dixo Santalices.
 
O xornalismo como antídoto fronte ás noticias falsas
 
Para o presidente do Parlamento, “as noticias falsas constitúen una ameaza para a democracia e para a sociedade no seu conxunto” polo que, ao seu xuízo, “cómpre apostar polo xornalismo exercido desde o rigor, a imparcialidade e a honestidade persoal e profesional, como o das e dos profesionais que cada día informan sobre a actividade do Parlamento de Galicia”
 
Santalices recordou que aínda que a promulgación do Estatuto se produciu o 6 de abril de 1981, esta xornada se celebra uns días máis tarde, dado que nesa data se entregaron as Medallas do Parlamento, que na edición deste ano recoñeceron o labor da Xeración Nós.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina