saltar ao contido

Pilar Rojo: “Un Parlamento forte fai a democracia máis forte”

A presidenta do Parlamento de Galicia disertou sobre os retos e oportunidades da Cámara, nunha conferencia organizada por Nueva Economía Fórum, e na que foi presentada pola presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro
 
Pilar Rojo: “Un Parlamento forte fai a democracia máis forte”
 
• “A evolución do noso Parlamento é a evolución do autogoberno galego e do afianzamento competencial”
 
• Defende unha Administracion parlamentaria “aberta á sociedade, transparente, permeable, e que responda aos principios de neutralidade e tolerancia”

• “As novas tecnoloxías, en xeral, e Internet, en particular, son poderosas armas de difusión e visibilización”
 
• Rojo Noguera recorda que “a descentralización acercou os servizos públicos ás persoas”

Vigo, 30 de marzo de 2011.- “Sen dúbida, un Parlamento forte fai a democracia máis forte”, afirmou esta mañá en Vigo a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, nunha conferencia enmarcada no ciclo organizado por Nueva Economía Fórum, na súa Tribuna Galicia.
 
Para Rojo Noguera, “a política como servizo ao ben común é unha actividade imprescindible nas nosas sociedades para mellorar a vida dos cidadáns, tender pontes de convivencia e atopar solucións á crise económica”.  O Parlamento constitúe unha “cámara aberta a toda a opinión pública, que sintetiza os valores democráticos de convivencia, pluralismo e tolerancia”.
 
Presentada pola presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro, a titular do lexislativo galego recoñeceu que os actuais “tempos axitados, nos que os sistemas políticos en diversas partes do mundo se ven abocados a superar distintos desafíos” tamén afectan a institución parlamentaria.
 
Fortalezas
 
Ao seu xuízo, estes desafíos poden encararse a través dun parlamento “dinámico, áxil e moderno”, nun momento no que a Cámara galega se dispón a celebrar o seu 30 aniversario. “A evolución do noso Parlamento é a evolución do autogoberno galego e do afianzamento competencial”, aseverou.
 
Así, ante os retos que plantexa o século XXI, a presidenta do Parlamento de Galicia considera que o parlamentarismo continúa ofrecendo “fortalezas” capaces de superar eses desafíos, entre as que enumerou as seguintes:
 
• Acercamento aos cidadáns. “É unha garantía de éxito e un deber moral como responsables políticos”, afirmou Rojo Noguera. Por esta razón, o Parlamento de Galicia está a potenciar as visitas guiadas, organiza desde 2010 unha xornada de portas abertas, acolle actos na súa sede e potencia o achegamento dixital (blogs, debates en directo,…).
 
•  Transparencia. “As novas tecnoloxías, en xeral, e Internet, en particular, son poderosas armas de difusión e visibilización. Só deste xeito as persoas se sentirán representadas e superarán a desconfianza que poderían ter cara as Cámaras”.
 
• Redefinición das funcións clásicas. Rojo Noguera considera que hai que esforzarse para mellorar a comprensibilidade do proceso lexislativo, nun escenario de austeridade, “o máis eficiente posible”. O Parlamento de Galicia atópase entre os catro máis baratos de España.
 
• Novas formas de representación e participación. As tecnoloxías da información e a comunicación  supoñen unha “oportunidade” e ofrecen “axilidade e inmediatez ás demandas orixinadas na base da sociedade”. Para afrontar este desafío, o Parlamento de Galicia xa puso en marcha un Plan Director  que durará toda a lexislatura.
 
• Política axeitada aos novos entornos. “É necesario asumir os novos contornos nos que nos situamos: os procesos supra e infraestatais e as realidades multinivel achegan contextos en continuo cambio. O Parlamento de Galicia é moi consciente desta realidade e participa en condición de membro tanto na CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas) como na COPREPA (Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España)”. O pasado 8 de marzo, Rojo Noguera asumiu a presidencia da COPREPA.
Compromiso coa calidade democrática
 
“O noso contrato cos cidadáns salienta a firme intención de afrontar os desafíos futuros que se erguen ante o Parlamento de Galicia, maximizando o compromiso coa transparencia e calidade democrática, coa excelencia e co servizo ao interese xeral”, afirmou Rojo Noguera.
 
Na súa intervención, a presidenta do Parlamento de Galicia reivindicou tamén  a vixencia do Estado das Autonomías. “O sistema autonómico permitiu que España evolucionase democraticamente ata cotas nunca coñecidas”, dixo, para afirmar que “a descentralización acercou os servizos públicos ás persoas”.
 
Balanzo satisfactorio
 
A modo de balanzo destas tres décadas de existencia da Cámara lexislativa galega, Rojo Noguera atopa “sete lexislaturas nas que acadamos un alto rendemento institucional, nas que construímos o ordenamento xurídico galego, nas que actualizamos e melloramos a vida das persoas, nas que, en definitiva, tratamos de dar resposta aos atrancos que ían xurdindo”.
 
“A verdadeira densidade do feito autonómico galego é o resultado do traballo da dita Cámara”, conclúe a presidenta do Parlamento de Galicia.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina