A Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, na súa sesión do 21 de abril de 2021, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 13688 (11/PNC-001390)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Nóvoa Iglesias, Marta e seis deputados/as máis
Sobre a demanda do Goberno galego ao Goberno central de atención ás alegacións presentadas pola Xunta de Galicia respecto do Proxecto de orde pola que se establecen os prezos dos cargos do sistema eléctrico e dos pagos por capacidade que resultan de aplicación a partir do 1 de xuño de 2021
BOPG n.º 121, do 07.04.2021
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 10 votos a favor, 2 votos en contra e 0 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia, a solicitar ao Goberno de España, que atenda as alegacións feitas pola Xunta de Galicia ao “Proxecto de orde polo que se establecen os prezos dos cargos do sistema eléctrico e dos pagos por capacidade que resultan de aplicación a partir do 1 de Xuño de 2021”, e que se se substancian en:
1. Ampliar o prazo de alegacións a este proxecto de orde para que os axentes interesados poidan analizalo en profundidade e formular alegacións con rigor, dada a importante incidencia que ten o seu articulado na economía das familias e na competitividade das empresas.
2. Ampliar o dereito de poder acollerse ao Prezo Voluntario ao Pequeno Consumidor (PVPC) ata potencias iguais ou inferiores a 15 kW para o consumidor doméstico.
3. Realizar estudos de facturación de enerxía eléctrica cos perfís de consumo habituais dos fogares e das empresas dos sectores industrial e servizos, para coñecer o impacto económico real dos novos cargos e peaxes na factura de electricidade como paso previo á aprobación dos cargos do sistema eléctrico que se realicen.
4. Có obxectivo de impulsar a eficiencia enerxética e o autoconsumo, solicítase que se conceda máis peso específico ao termo de enerxía que o de potencia.
5. Realizar con suficiente antelación a posta en marcha das novas tarifas, campañas informativas que axuden ao consumidor a facilitar a toma de decisións para facer un consumo máis eficiente”.
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 2648 (11/PNC-000283)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Otero Rodríguez, Patricia e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa ruta xacobea coñecida como "Camiño do Mar"
BOPG n.º 27, do 07.10.2020
Sométese a votación a transacción coa emenda do G. P. Popular de Galicia doc. núm. 14536 e resulta aprobada pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a recoñecer o carácter oficial da ruta xacobea coñecida como Camiño do Mar, que discorre polas vilas lucenses de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo e prosigue pola provincia da Coruña, vía Mañón, Cariño, Ortigueira, Cedeira, Valdoviño, Narón ata Neda, e o inclúa en todas as accións de promoción turística, divulgación e reactivación económica ligadas á celebración do ano Xacobeo 2021-2022.”
- 7953 (11/PNC-000860)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Gallego Sanromán, María Leticia e 4 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia na colaboración con Adif para levar e mellorar a conexión 5G no rural da nosa Comunidade Autónoma
BOPG n.º 79, do 20.01.2021
Sométese a votación a transacción coa emenda do G. P. Popular de Galicia doc. núm. 14535 e resulta aprobada pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a colaborar con Adif para levar e mellorar a conexión 5G no rural da nosa Comunidade Autónoma e, así mesmo, a solicitar do Goberno de España as seguintes actuacións:
1º-) Que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) colabore co Goberno autonómico na execución de actuacións de mellora da cobertura de redes de fibra óptica e móbiles no territorio da Comunidade galega.
2º-) Realizar un mapa de infraestruturas susceptibles de ser usadas para o despregamento de redes de telecomunicacións, contando coa colaboración necesaria da Xunta de Galicia para o inventariado destas infraestruturas.
3º-) Definir e poñer en marcha mecanismos e/ou acordos de colaboración co operador público Retegal para o aproveitamento das súas infraestruturas existentes por parte operadores privados, así como, para a posta en marcha de actuacións complementarias.”