saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia sobre a morte de Diego Bello, cidadán coruñés e galego, a mans da Policía Nacional Filipina

 
O oito de xaneiro do pasado ano 2020 o mozo coruñés Diego Bello Lafuente falecía na illa filipina de Siargao debido aos disparos que efectuaron contra el membros da Policía Nacional Filipina, corpo de seguridade da República de Filipinas.
 
Diego levaba vivindo en Siargao desde había dous anos, tempo no que emprendeu unha experiencia empresarial que comezou cunha pensión para mochileiros e continuou coa apertura dunha tenda de roupa e máis tarde un restaurante de comida española, todos estes negocios montados por Diego en asociación con cidadáns filipinos, tal como esixe a lei naquel país, e tamén con varios socios españois.

Segundo a versión oficial da policía filipina, Diego era un dos maiores narcotraficantes da rexión e a policía matouno logo de intentar detelo diante da súa casa á unha da madrugada, cando volvía de atender os seus negocios; a policía pretendía detelo logo de que axentes de paisano intentasen comprarlle unha pequena cantidade de droga. Segundo a versión policial, Diego sacou unha pistola cando se decatou de que eran policías e os policías víronse obrigados a defenderse, acabando coa vida de Diego.
 
Este relato da policía é a única información que se deu a coñecer do acontecido, xa que ningunha instancia xudicial interveu na operación nin existía  ningún expediente administrativo que dese fe do afirmado pola policía. O goberno español solicitou a Filipinas que se investigasen as circunstancias e as informacións dadas polo xefe de policía que autorizou a operación, pero, logo de máis dun ano, o Goberno filipino segue negándose a realizar tal investigación, a pesar de ter aceptado nun primeiro momento levar a cabo as pescudas tanto desde instancias xudiciais como gobernamentais.
 
O único organismo que si levou a cabo un informe sobre a morte de Diego foi a Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas, órgano de rango constitucional na República Filipina, que, no mes de agosto do pasado ano e logo de viaxar ata o lugar dos feitos e de entrevistar a policías, testemuñas e socios e traballadores de Diego, chega á conclusión de que a morte de Diego a mans da policía foi un asasinato e que a escusa da defensa propia que alega a policía queda deslexitimada polos resultados das autopsias que se lle practicaron a Diego tanto en Manila como en Madrid, e polas probas gráficas e as afirmacións das testemuñas, destacando tamén que a policía non foi quen de presentar unha soa proba da relación de Diego co narcotráfico.

En novembro de 2020 a Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso dos Deputados de España aprobou, pola unanimidade de todos os  grupos asistentes, unha Proposición non de lei na que se pide ao Goberno español que pida ás autoridades filipinas que leven a cabo as investigacións necesarias para determinar o sucedido e que eviten a fuga dos autores da morte de Diego.
 
Ata o momento as peticións españolas foron ignoradas polo Goberno filipino, un goberno que leva sendo denunciado tanto pola ONU como pola Unión Europea por ter levado a cabo máis de 20.000 execucións extraxudiciais  nos últimos cinco anos co pretexto da guerra contra as drogas, e que está servindo para eliminar tanto inimigos políticos como defensores de dereitos humanos en Filipinas.

Por todo o devandito, o Pleno do Parlamento de Galicia aproba por unanimidade a seguinte declaración Institucional:
 
1. Expresar a súa repulsa polo asasinato de Diego Bello e a súa solidariedade e apoio á familia.
 
2. Demandar do Goberno do Estado que exerza cantas accións políticas, diplomáticas e xudiciais sexan necesarias para esixir o total esclarecemento dos feitos que rodearon a morte de Diego, e a depuración ata as últimas consecuencias de cantas responsabilidades houber e tamén a restauración do dereito á honra de Diego Bello.
 
3. Dar traslado deste acordo ao Ministerio de Asuntos Exteriores de España e tamén á Embaixada da República Filipina en España.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina