saltar ao contido

Diego Calvo agradece o “comportamento exemplar” da comunidade educativa galega en relación coa covid-19

 
• Presidiu, de xeito telemático, unha nova edición do programa Abraza os teus valores, organizado por Aldeas Infantiles SOS coa participación de estudantado de catro centros educativos galegos

Santiago, 22 de maio de 2021.- O vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo Pouso, presidiu esta mañá, de maneira telemática, unha nova edición do  programa Abraza os teus valores, organizado e impulsado por Aldeas Infantiles SOS España e que, nesta edición, contou coa participación de alumnado de catro centros galegos: San Rosendo, de Ferrol; Galén de Lugo; La Inmaculada, de Ourense; e Estudio, de Chandebrito (Pontevedra).
 
Diego Calvo agradeceu expresamente o “comportamento exemplar” da comunidade educativa galega, tanto durante o confinamento como, despois, cando se recuperaron as clases presenciais.

 
Prepararse para unha sociedade distinta

Na súa intervención, o vicepresidente do Parlamento amosuse convencido de que a sociedade post-covid será, “sen dúbida, distinta”. Por esa razón animou ao alumnado a sacar o mellor proveito da súa etapa formativa, ao tempo que insistiu en que unha formación sólida e un bo espírito crítico resultan fundamentais para evitar ser enganados  nun mundo sometido a crecentes intentos de manipulación, como os protagonizados, desde antes incluso da covid-19, polo movemento antivacinas.
 
Fronte á ameaza da desinformación, Calvo Pouso subliñou que nunca a ciencia avanzou tanto en tan pouco tempo, recordando que millóns de persoas están xa vacinadas en todo o mundo apenas un ano despois de ter noticia dos primeiros casos da covid-19.
 
O acto contou, ademais, coa intervención do presidente de Aldeas Infantiles SOS España, Pedro Puig Pérez, que deu paso á intervención do alumnado, que reflexionou e formulou propostas sobre o valor da solidariedade enfocada en tres obxectivos de desenvolvemento sostible: a pobreza, as desigualdades e a inxustiza.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina