saltar ao contido

O presidente do Parlamento entrega ao alcalde de Lobeira un exemplar dun libro homenaxe a Xaquín Lorenzo, Xocas


Santiago, 23 de maio de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, entregou este mediodía ao alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias Álvarez, un exemplar do volume Xocas revisitado. Lembranza de Xaquín Lorenzo Fernández.
 
O libro foi editado polo Museo do Pobo Galego co patrocinio do Parlamento de Galicia e recompila, ademais de outros traballos adicionais, os contidos da sesión académica celebrada o 18 de xullo de 2019 en Ourense, coincidindo co trinta a aniversario do pasamento de Xaquín Lorenzo.
 
No acto de entrega participaron tamén a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e mailo director do Museo, Manuel Vilar.
 
A entrega do libro ao Concello de Lobeira obedece aos vínculos de Xaquín Lorenzo con este municipio; pasou parte da súa infancia na casa familiar de Facós, na que faleceu o 18 de xullo de 1989. Ademais, a entrega formal do libro tivo lugar na mesma data na que se celebra a Romaría do Viso, a máis populosa da Baixa Limia e que foi obxecto de estudo por parte do etnógrafo de Lobeira.
 
O libro será presentado oficialmente nun acto programado para o vindeiro mércores, 26 de maio, na sede do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina