saltar ao contido

Santalices: “Galicia, co sentidiño que nos caracteriza, foi quen de preservar as ferramentas de promoción da súa cultura e avanzou cara unha maior calidade democrática”

 

• O presidente do Parlamento clausurou a xornada sobre as institucións estatutarias de Galicia que esta mañá se celebrou na Cámara

Santiago, 28 de xuño de 2021.- “Galicia, co sentidiño que nos caracteriza, foi quen de preservar as ferramentas de promoción da súa cultura, e avanzou cara un modelo de maior calidade democrática, potenciando os mecanismos de control e prevención e intensificando a transparencia, tal e como demandaba a cidadanía”. Son palabras do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, na clausura da xornada sobre institucións estatutarias celebrada esta mañá na sede do Lexislativo galego.

Referíase, deste xeito, ás reformas normativas abordadas polo Parlamento de Galicia para potenciar o labor das institucións estatutarias, nomeadamente o Valedor do Pobo e o Consello de Contas, ademais de preservar o Consello da Cultura Galega.

Na súa intervención, Santalices Vieira amosou a súa preocupación pola crise de confianza, “que non á exclusiva das institucións públicas”, que acompaña á crise económica, sanitaria e social derivada da covid-19. Parafraseando ao escritor e historiador israelí Yuval Noah Harari, o presidente do Parlamento de Galicia vinculou esta crise de confianza  con estratexias previas encamiñadas a minar a confianza nos medios de comunicación, nas institucións académicas e nas propias autoridades.

“Non preciso citar nomes nin siglas –apuntou-, pero resulta evidente que o andazo de populismo que percorre o mundo non é alleo a esta situación; populismo, por certo, ausente neste Parlamento por decisión democrática das galegas e galegos”.

Malia admitir que superar a crise de confianza non resulta doado, Santalices apuntou que “actitudes como a claridade e a previsibilidade dos obxectivos a acadar por parte das institucións; que os discursos vaian sempre respaldados de feitos (volvemos á importancia da coherencia); pedir perdón cando non se estea á altura das circunstancias, porque a perfección non existe; e impulsar a cultura da transparencia nunha sociedade cada día máis esixente, semellan unha folla de ruta axeitada”.

Traballo previo

Apuntou que, lonxe de calquera atisbo de autocompracencia, “parte do traballo desenvolvido durante anos nesta casa axustouse, en boa medida” ás premisas enunciadas.

Recordou que o Consello da Cultura Galega “labora sen desmaio na promoción e o desenvolvemento da cultura propia de Galicia, coa coherencia propia das persoas que converten a vocación e o compromiso no centro do seu día a día”.

O Valedor do Pobo “foi reforzado nas súas competencias como comisionado autonómico de transparencia, blindado pola independencia reforzada que a lexislación lle outorga”.

Mentres, o Parlamento atribuíu ao Consello de Contas competencias específicas en materia de prevención da corrupción no ámbito da actividade económico-financeira do sector público da Comunidade Autónoma. O poder lexislativo atendeu, con esta reforma legal, unha suxestión xurdida no seo dunha comisión de estudo creada polo propio Parlamento, seguindo o modelo implantado con éxito na República Portuguesa, entre outros lugares.

Reformas ambiciosas

Foron, a xuízo de Santalices “reformas ambiciosas para dar resposta a unha demanda social evidente. Fixémolo nun entorno de crise económica, nun contexto de intenso cuestionamento destes órganos, ou mesmo de recortes que nalgunha comunidade cristalizaron coa supresión de órganos análogos”. E todo elo, “preservando so recursos da xente, xa que nin unha nin outra medida implicaron incrementos de gato público” para as galegas e galegos.


Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina