saltar ao contido

Santalices participa nun encontro en liña convocado pola Campaña Mundial pola Educación

• O presidente do Parlamento de Galicia subliña que “unha educación de calidade resulta esencial para o éxito persoal e profesional na vida adulta” e recorda que 260 millóns de nenos estaban sen escolarizar en 2018
 
• Alaba o sistema educativo galego “avanzado e de calidade” e recorda ao alumnado a  obriga de esforzarse para sacar o mellor proveito dos recursos educativos que a sociedade pón ao seu dispor

Santiago, 1 de xuño de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía nun encontro en liña con alumnado de diferentes centros, organizado pola coalición galega da Campaña Mundial pola Educación para incrementar a conciencia social en relación co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4, educación de calidade.
 
Dirixíndose ao alumnado participante, Santalices recordou que “unha educación de calidade resulta esencial para o voso futuro éxito persoal e profesional na vida adulta”. Afirmou que, ao igual que os países da contorna, Galicia conta arestora cun sistema educativo “avanzado e de calidade”, puntualizado que a situación é ben distinta fóra do mundo occidental porque, como recorda a UNESCO, arredor de 260 millóns de nenos estaban sen escolarizar no ano 2018, un panorama adverso que pode complicarse aínda máis como consecuencia do peche dos centros educativos derivado da covid-19.
 
A educación, clave
 
Na súa intervención, o titular do Lexislativo galego  recordou que logo do denominado desastre do 98, o movemento rexeneracionista  chamou a  atención sobre a necesidade de ofertar e estender un ensino de calidade, que consideraban “clave para poñer coto aos males seculares de España”.
 
Santalices animou aos participantes no encontro a reflexionar sobre o que avanzou Galicia desde aquela altura, cando o analfabetismo roldaba o 60%, “e obsérvese que ese avance discorreu sempre parello á extensión e mellora do noso sistema educativo”.
 
“Nada do que temos nin do que hoxe somos tería sido posible sen a educación que, cada quen, desde as súas respectivas responsabilidade, estamos obrigados a preservar e a potenciar”, afirmou Santalices
 
Neste punto, o presidente do Parlamento apelou tamén á responsabilidade do alumnado, “que ten a obriga de esforzarse cada día para sacar o mellor proveito dos recursos educativos que a sociedade pon ao seu dispor”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina