saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 23 de xuño de 2021


4.4 16709 (11/PNP-001629)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Murillo Solís, María Guadalupe e 5 máis
Sobre a defensa por parte da Xunta de Galicia da autonomía financeira e capacidade normativa en materia tributaria e a demanda ao Goberno de España da reversión da  modificación do artigo 36 da Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas que prevé o Proxecto de lei de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 152, do 09.06.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia:
 
1. A dirixirse ao Goberno de España para demandarlle que respecte a autonomía financeira e a capacidade normativa en materia tributaria que a Constitución, o Estatuto de Autonomía e as leis lle recoñecen a Galicia.
 
2. A demandarlle ao Goberno de España que promova, na tramitación parlamentaria en curso do Proyecto de Ley de Medidas de prevención y lucha contra el fraude fiscal, actualmente no Congreso, a supresión do artigo que reforma a Ley 35/2006 del Impuesto sobre la Renta de las Personas Físicas para introducir a ficción legal consistente en declarar como comportamento fraudulento, que non admite proba en contrario, toda venda dos bens recibidos a través dos pactos sucesorios en vida regulados no Dereito Civil de Galicia; por tratarse dunha clara e inxustificada vulneración da autonomía competencial e financeira da Comunidade Autónoma de Galicia, e do principio de lealdade institucional que debe presidir as relacións entre a Administración Xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.
 
3. E que, no caso de que sexa aprobada esta norma sen a supresión do citado artigo, empregue todas as ferramentas e recursos xurídicos ao seu alcance para defender a autonomía financeira, as competencias da Comunidade Autónoma e a defensa dos intereses dos galegos e das galegas”. 
  
4.6 16968 (11/PNP-001658)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Nóvoa Iglesias, Marta e 13 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España de modificar a tramitación e autorización de proxectos eólicos en Galicia
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 152, do 09.06.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno de España que:
 
1. Non proceda á tramitación e autorización dos proxectos eólicos da súa competencia que supoñan a implantación fora das áreas definidas polo plan Sectorial eólico vixente en Galicia, de acordo co regulado na Disposición final sexta da Lei 9/2021, de 25 de febreiro, tampouco daqueles que se atopen en Rede Natura, en virtude do establecido no artigo 31 da Lei 8/2009 e no artigo 60.3.d).2º) do Anexo II do Decreto 37/2014.
 
2. Proceda a modificar a información do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto demográfico coa fin de proporcionar información clara e veraz sobre a instalación de proxectos eólicos en diversas zonas protexidas avaladas pola lexislación ambiental e sectorial galega.
 
3. Proceda a solicitar ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto demográfico a modificación do Real Decreto Lei 23/2020 do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, aos efectos de ampliar os prazos de tramitación dos proxectos eólicos para evitar a presión xerada polo Goberno co establecemento dunhas datas moi axustadas e prexuízos económicos importantes no caso de non cumprirse, o que está a provocar unha solicitude desmesurada de parques sen a suficiente información con grave impacto no desenvolvemento con garantías do traballo administrativo por parte dos órganos sectoriais e ambiental da Comunidade Autónoma”.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina