A Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 1 de xullo de 2021, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 17165 (11/PNC-001745)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro e 14 máis
Sobre a postura do Parlamento respecto da utilización da figura do indulto con fins partidistas e a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España de respecto ás decisións dos xuíces para non utilizar con fins partidistas a figura do indulto
BOPG n.º 155, do 16.06.2021
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 5 votos en contra e 0 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia:
1. Expresa o seu respaldo absoluto á Constitución, o Estatuto de Autonomía de Galicia e ao resto do ordenamento xurídico como garantes do estado de dereito e da democracia no noso país.
2. Manifesta o seu apoio ao labor que realizan todos os días os diferentes tribunais de xustiza, con especial mención ao Tribunal Supremo, de maneira independente, responsable e sometidos unicamente ao imperio da lei como establece o artigo 117 da Constitución Española.
3. Insta o Goberno de España a respectar as decisións dos xuíces, non utilizando a figura do indulto con fins partidistas, para beneficiar a aqueles que vulneraron a Constitución e cometeron múltiples delitos nos que, como manifestaron publicamente, pretenden reincidir”.