saltar ao contido

O CES entrega ao presidente do Parlamento a Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2020


 
• O documento foi aprobado por unanimidade na última sesión plenaria do organismo
 
• O estudio inclúe as opinións consensuadas polos axentes socioeconómicos sobre a realidade e propostas de actuación para a recuperación post-covid

Santiago, 27 de xullo de 2021.- O presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández, acudiu hoxe ao Parlamento de Galicia para facer entrega ao presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, da Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2020 elaborada polo organismo consultivo e recentemente aprobada por unanimidade dos seus membros. A Memoria será traslada aos grupos parlamentarios.
 
O documento, estruturado en cinco capítulos, fai un exhaustivo repaso da realidade socioeconómica galega en 2020, nun ano especialmente complicado pola incidencia da pandemia da covid-19. Como elemento diferenciador respecto a outros estudos, a Memoria do CES inclúe un capítulo de Consideracións no que se salientan opinións, advertencias, demandas e recomendacións das diferentes entidades e axentes representados no Consello, aprobadas por unanimidade dos seus membros. Logo de 25 anos, a Memoria do CES é un informe consolidado e unha ferramenta útil para entender a situación socioeconómica de Galicia desde as distintas sensibilidades das organizacións que compoñen o Consello.
 
A mirada dos axentes socioeconómicos analiza o panorama económico, o mercado de traballo e as relacións laborais (neste ano, cun apartado sobre dixitalización e teletraballo), o dinamismo do tecido produtivo, a calidade de vida e benestar social e os recursos e capacidades para o desenvolvemento.
 
O Consello Económico e Social é un órgano consultivo da Xunta de Galicia creado para facilitar a participación dos axentes socioeconómicos e dos representantes da sociedade civil organizada na vida económica, social e cultural e no proceso de toma de decisións. O CES configúrase como un foro permanente de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e os poderes políticos. Desde a súa creación, o Consello foi concibido, ademais de como foro plural e cualificado, como un órgano marcado pola súa independencia.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina