saltar ao contido

O Parlamento instalará un sistema de bucle magnético para mellorar a audición das persoas xordas

 
• O sistema, que estará operativo a comezos do vindeiro período de sesións, reduce o ruído de fondo das persoas que utilizan audiófonos, mellorando a intelixibilidade
 
• O bucle magnético conta con normalización internacional e súmase a outras medidas de accesibilidade implantadas pola Cámara galega

Santiago, 4 de agosto de 2021.- O Parlamento de Galicia instalará, nas próximas semanas, un sistema de bucle magnético destinado a mellorar a audición das persoas xordas que utilizan audiófonos ou implantes.
 
Tamén denominado bucle de indución magnética ou bucle de indución de audiofrecuencia, este sistema, con normalización internacional, reduce de maneira significativa o ruído de fondo que perciben as persoas usuarias de audiófonos ou implantes, mellorado deste xeito a intelixibilidade.
 
O proxecto a executar contempla a instalación dun sistema de bucle magnético na área de deputados e de público do salón de plenos do Parlamento, no Salón dos Reis e na sala de exposicións. Paralelamente, o Parlamento habilitará un equipo portátil (con emisor e receptores portátiles) destinado a prestar servizo as visitas guiadas ou actividades programadas en áreas diferentes ás delimitadas co bucle magnético.
 
Os traballos de instalación executaranse durante as próximas semanas coa previsión de que o bucle magnético poda entrar en servizo no vindeiro período de sesións, a partir do mes de setembro. O equipamento técnico irá acompañado dun símbolo de accesibilidade auditiva que identifica a dispoñibilidade deste sistema.
 
A instalación de bucle magnético súmase a outras medidas xa implantas polo Parlamento de Galicia como a instalación de pictogramas orientados a facilitar  a accesibilidade cognitiva das persoas con trastorno do espectro autista (TEA), a incorporación dun servizo de interpretación  de lingua de signos na emisión web das sesións do Pleno e da Deputación Permanente ou a convocatoria dun concurso –xa tramitado, pendente do próximo inicio das obras- para mellorar a accesibilidade do Pazo do Hórreo e suprimir barreiras arquitectónicas.
 
Todas estas medidas foron adoptadas  co asesoramento de entidades que operan no ámbito da diversidade funcional.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina