saltar ao contido

Santalices gaba a traxectoria de Manuel Penedo, exalcalde do Irixo designado fillo predilecto do Concello dous anos despois do seu falecemento

 
• O presidente do Parlamento foi o encargado de dar lectura aos méritos do homenaxeado a título póstumo

Santiago, 7 de agosto de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, foi o encargado, este mediodía, de dar lectura dos méritos que xustifican a designación do exalcalde Manuel Penedo Paradela como fillo predilecto do Irixo, a título póstumo.
 
Para Santalices, “o punto forte de Manuel Penedo Paradela foi sempre o contacto coa xente, a atención persoal aos cidadáns e as relacións con todos os veciños, tratando sempre de solucionar os problemas que puideran presentarse”. Foi, en opinión de Santalices, “un exemplo de servizo ao ben común, sempre necesario, se cadra hoxe máis ca nunca”.
 
Santalices actuou como instrutor do expediente a petición do actual alcalde do Irixo, “un privilexio, porque ademais de honrar unha traxectoria de servizo público, honramos tamén a un amigo  ao que tratei moito, especialmente nos seus últimos anos”. 
 
Penedo Paradela, falecido en agosto de 2019, foi alcalde do Irixo entre 1987 e 2019, encadeando nove maiorías absolutas. “Destacou sempre por ser un home de paz, de tender pontes e esquecer rivalidades e enfrontamentos”, subliñou Santalices.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina