• Trátase dunha escolma dos máis de 1.500 orixinais doados por Siro ao Parlamento e que pasan a engrosar o fondo artístico e documental da institución
• A mostra, inaugurada este mediodía polos presidentes da Xunta e do Parlamento, comezará en novembro un percorrido pola xeografía galega
• Santalices agradece a doazón desinteresada de Siro ao Parlamento, “un agasallo ao conxunto das galegas e galegos”
Santiago, 10 de setembro de 2021.- O Parlamento de Galicia amosa desde este mediodía a exposición "40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro", integrada por unha escolma dos 1.577 orixinais doados polo autor á Cámara galega e datados entre os anos 1985 e 2006. A exposición foi inaugurada polos presidentes da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañados polo autor, Siro López. A partir de novembro, a mostra terá carácter itinerante polo territorio galego.
Santalices comezou a súa intervención agradecendo o xesto desinteresado de Siro López e gabou a traxectoria do artista, “un recoñecido caricaturista, pintor, escritor e xornalista galego con máis de catro décadas de fecunda actividade ás súas costas que, en plena madurez creativa e persoal, honrou ao Parlamento de Galicia, e por extensión ao conxunto das galegas e galegos” coa doazón deste conxunto de orixinais, que enriquecen os fondos artísticos e documentais do Lexislativo galego.
“Agasallo desinteresado ao conxunto das galegas e galegos”
Recordou Santalices que canda as funcións propias do poder lexislativo, o Parlamento de Galicia “acumula tamén catro décadas de servizo á cultura galega desde unha concepción aberta e plural, porque os fondos aos que acabo de referirme pertencen, non aos deputados, senón ao conxunto da sociedade galega”. Abundando nesta idea, Santalices subliñou: “Esta é a verdadeira dimensión da doazón efectuada por Siro: un agasallo desinteresado ao conxunto das galegas e galegos”.
Explicou o presidente da Cámara que a exposición que desde hoxe queda aberta ao público na sede do Parlamento de Galicia se enmarca nas actividades organizadas para conmemorar o 40 aniversario da Autonomía galega.
Talento, intelixencia e bonhomía
Sobre o contido da mostra, Santalices apuntou que se trata, na maior parte dos casos, de caricatura política, “conformada por imaxes sempre evocadoras, desbordantes de humor e de ironía, exemplos vivos da retranca consubstancial ao pobo galego”, caricatura “sempre respectuosa cos seus protagonistas” que evidencia o “talento creativo do autor, a súa fina intelixencia e a súa profunda bonhomía”.
A xuízo de Santalices, a exposición amosa o traballo dun “digno herdeiro da extensa nómina de artistas, escritores e intelectuais que dun ou doutro xeito cultivaron o humorismo”.
A totalidade das caricaturas que conforman a colección doada por Siro Lopez ao Parlamento de Galicia foron publicadas no xornal La Voz de Galicia. A maiores, a mostra inaugurada hoxe incorpora unha decena de traballos inéditos para contextualizar a escolma. A exposición está comisionada polo xornalista Aser Álvarez. O acto foi presentado por Belén Xestal e contou coa actuación musical de Amancio Prada.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.