saltar ao contido

Santalices agradece o “compromiso ambiental” da mocidade e insiste na necesidade de frear o cambio climático para preservar os tesouros naturais de Galicia

 
• O Parlamento de Galicia acolleu o  IX Foro Infantil Unicef-Parlamento de Galicia no que representantes de diferentes consellos locais de participación infantil e adolescente presentaron as conclusións dun encontro sobre medio ambiente e cambio climático

Santiago, 16 de novembro de 2021.- O Lexislativo galego acolleu este mediodía o IX Foro Infantil Unicef-Parlamento de Galicia no que representantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente de Cabanas, Castrelo de Miño, Moeche, Nigrán, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Moaña, Teo e Tomiño presentaron as conclusións do II encontro galego de participación infantil e adolescente en relación co coidado do medio ambiente e a loita contra o cambio climático.
 
Ao fío desas conclusións, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, agradeceu o “compromiso ambiental” da infancia e a mocidade galega, “que teñen firmemente interiorizada  a defensa do medio ambiente, unha realidade na que temos depositadas firmes esperanzas”.
 
Para Santalices, o cambio climático e a preservación do medio ambiente interpelan especialmente ás galegas e galegos ante a necesidade de preservar o os tesouros naturais da comunidade.
 
O presidente do Parlamento congratulouse tamén dºa “crecente conciencia ambiental” da comunidade internacional e dos diferentes movementos sociais, como vén de acreditarse no Cumio de Glasgow.
Recuperar a presencialidade desde a cautela
 
Na súa intervención, Santalices Vieira agradeceu a participación presencial dos mozos que hoxe se achegaron ao Parlamento para participar neste foro e apuntou que cómpre manter a cautela.
 
Recordou que, durante a pandemia, a comunidade educativa brindou ao conxunto da sociedade un exemplo de comportamento responsable.
 
Con ocasión da próxima celebración do Día Mundial da Infancia, que se celebra cada 20 de novembro, Santalices convidou aos participantes a reflexionar sobre a súa situación en comparación coa dos nenos, adolescentes e mozos do terceiro mundo, “onde dereitos aquí consolidados como a educación ou a sanidade son, para a inmensa maioría, unha quimera”.
 
Pacto Galego pola Infancia
 
A celebración deste IX Foro de Participación Infantil Unicef-Parlamento de Galicia enmárcase, ademais, nun dos compromisos acadados no IV Pacto Galego pola Infancia, asinado en 2019 polos grupos parlamentarios da Cámara e que, entre outras medidas, establecía a celebración dunha sesión deste tipo con periodicidade anual.
 
O acto contou tamén coas intervencións da presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito; as deputadas Marina Ortega, do Grupo Socialista; Olalla Rodil, do Grupo do BNG; e Noelia Pérez, do Grupo Popular; así como a subdirectora xeral de Coordinación Ambiental da Cansellería de Medio Ambiente, Mª del Mar Ferreiro; e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, Jacobo Rey.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina