• Celébrase nas datas previas á conmemoración do 40 aniversario do Parlamento e busca dar a coñecer a institución e divulgar os valores democráticos entre a rapazada
Santiago, 28 de novembro de 2021.- Arredor de 6.000 rapaces e rapazas que cursan 5º e 6º de Primaria en medio cento de centros educativos públicos de toda Galicia participarán na Semana do Parlamento na Escola que comeza este luns, 29 de novembro.
A actividade ten como obxectivo dar a coñecer a institución e a actividade parlamentaria entre o estudantado galego, divulgar o contexto histórico no que botou a andar a autonomía galega, espertar a curiosidade dos máis novos pola vida parlamentaria e convidar aos participantes a reflexionar sobre a importancia da palabra e o diálogo como bases da convivencia, da solidariedade e dos valores democráticos.
Animar a visitar o Parlamento
É de agardar que a realización destas actividades esperte tamén o interese dos escolares por participar no programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia, impulsado coa colaboración da Xunta de Galicia.
A Semana do Parlamento na Escola celébrase en datas previa á conmemoración do 40 aniversario do Parlamento de Galicia, constituído o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez.
Para facilitar a participación nesta iniciativa, cada un dos 51 CEIP seleccionados recibirán material impreso elaborado especificamente con esta finalidade: un libro-base titulado Unha aventura exemplar, obra do escritor Xosé A. Perozo, con ilustracións de Evaristo Pereira, para ser lido polos participantes nesta campaña; unha Guía do Profesorado, con orientacións e propostas que os mestres e mestras poderán escoller para traballar na aula; así como un cartel co que dar visibilidade a esta iniciativa.
A Semana do Parlamento na Escola foi deseñada para poder ser levada a cabo sen dificultar o curso normal do programa escolar, xa que pode realizarse de maneira transversal sen necesidade de circunscribila a unha área de coñecemento concreta.
Este conxunto de actividades concluirán o venres 3 de decembro co Día do Parlamento na Escola, que se celebrará no CEIP de Ventín, en Ames.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.