• O sistema, operativo desde esta semana, reduce o ruído de fondo das persoas que utilizan audiófonos, mellorando a intelixibilidade
• O bucle magnético conta con normalización internacional e súmase a outras medidas de accesibilidade implantadas pola Cámara galega
Santiago, 8 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia acaba de instalar e verificar o correcto funcionamento dun sistema de bucle magnético destinado a mellorar a audición das persoas xordas que utilizan audiófonos ou implantes, que estará operativo a partir desta semana.
Tamén denominado bucle de indución magnética ou bucle de indución de audiofrecuencia, este sistema, con normalización internacional, reduce de maneira significativa o ruído de fondo que perciben as persoas usuarias de audiófonos ou implantes, mellorado deste xeito a intelixibilidade.
Diferentes áreas
O sistema foi instalado na área de deputados e de público do salón de plenos do Parlamento, no Salón dos Reis e na sala de exposicións. Tamén se habilitou un equipo portátil (con emisor e receptores portátiles) destinado a prestar servizo ás visitas guiadas ou actividades programadas en áreas diferentes ás delimitadas co bucle magnético.
O equipamento técnico acompáñase dun símbolo de accesibilidade auditiva que identifica a dispoñibilidade deste sistema nos diferentes espazos do Pazo do Hórreo.
A instalación de bucle magnético súmase a outras medidas xa implantas polo Parlamento de Galicia como a instalación de pictogramas orientados a facilitar a accesibilidade cognitiva das persoas con trastorno do espectro autista (TEA), a incorporación dun servizo de interpretación de lingua de signos na emisión web das sesións do Pleno e da Deputación Permanente ou a convocatoria dun concurso –xa tramitado, pendente do próximo inicio das obras- para mellorar a accesibilidade do Pazo do Hórreo e suprimir barreiras arquitectónicas.
Todas estas medidas foron adoptadas co asesoramento de entidades que operan no ámbito da diversidade funcional.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.