saltar ao contido

Declaración institucional de apoio á economía social galega

 

A economía social é un actor fundamental na sociedade actual que achega formas organizativas que introducen un conxunto de principios, valores e obxectivos comúns, a favor dun modelo económico inclusivo, baseado no convencemento de que a primacía da persoa e do obxecto social, a gobernanza democrática e participativa e a aplicación dos principios de solidariedade e responsabilidade permiten combinar actividades económicas sustentables cun impacto social positivo.
 
A economía social, presente en todos os recunchos do mundo, representa en España o 10 % do PIB, proporciona o 12,5 % do emprego e vincula o 42,8 % da poboación. O mapa da economía social en Galicia está formado por máis de 7.300 entidades e empresas, cun volume de emprego estimado de 24.904 persoas traballadoras e máis de 74.120 persoas socias, comuneiras ou mutualistas, xerando ao redor do 7 % do PIB.
 
A economía social promove emprego estable e de calidade, é pioneira en innovación social, ofrece solucións a retos económicos e sociais, contribúe activamente á cohesión social, ao impulsar a inclusión social, e é un modelo de igualdade de oportunidades para todas as persoas. É, por tanto, un actor clave para a consecución dos ODS, xa que proporciona respostas innovadoras ás necesidades complexas e crecentes da poboación.
 
No camiño do recoñecemento institucional en Galicia, non queremos deixar de lembrar a aprobación da Lei de economía social de Galicia no ano 2016, así como a definición da política pública de promoción da economía social recollida na Estratexia Galega de Economía Social e na constitución do Consello Galego de Economía Social, ambos en 2019, co fin de dispoñer dun marco de actuacións e un contexto que fomente a interlocución e o diálogo de todos os axentes implicados.
 
Con base en todo isto e seguindo a estela de institucións europeas e españolas, o Consello da Economía Social de Galicia solicitou o recoñecemento e apoio do Consello Económico e Social de Galicia, cuxo Pleno aprobou, o 8 de novembro de 2021, un manifesto no que se solicita:
 
— compartir o recoñecemento por parte das institucións públicas, reforzando a visibilidade e a competitividade das empresas da economía social mediante políticas públicas e calquera outra iniciativa acaída a tal fin, en cooperación cos axentes da economía social, buscando a transversalidade, para mellorar a coherencia das políticas e obter unha maior eficacia;
 
— mellorar o nivel de coñecemento sobre as empresas e entidades de economía social, promovendo a cooperación entre o mundo académico, os centros de investigación, os institutos de estatística e as entidades e empresas da economía social.

— apoiar a implementación da normativa e os procedementos que fomentan obxectivos de política social, como pode ser a contratación pública socialmente responsable, así como a presenza da economía social en todos os sectores e no eido da educación, tanto nos procesos formativos como de capacitación profesional, co obxectivo de desenvolver competencias e reforzar habilidades das persoas participantes, potenciais impulsoras, integrantes e/ou beneficiarias da economía social.
 
— non esquecer, por último, a proposta de reforzar as redes de actores, públicos, privados e sociais, da economía e a sociedade, para fomentar o crecemento económico e as políticas de inclusión social no territorio.
 
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina