saltar ao contido

Alumnado do CEIP Campomaior, de Ordes, visita a exposición sobre o 40º aniversario do Parlamento de Galicia

 
• O grupo, de 6º de Primaria, participou na I Semana do Parlamento na Escola e principia as visitas escolares á mostra inaugurada onte

Santiago, 16 de decembro de 2021.- Un grupo de alumnas e alumnos de 6º de Primaria do CEIP Campomaior de Ordes visitaron esta mañá a exposición “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia. 1981-2011” inaugurada onte no marco da conmemoración das catro décadas de existencia da Cámara galega.
 
Durante a visita á exposición, estiveron acompañados polo presidente e polo vicepresidente primeiro do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira e Diego Calvo Pouso, respectivamente. O alumnado acudiu acompañado pola súa profesora e polo director do centro educativo. Tamén efectuaron unha visita guiada á sede do Lexislativo autonómico.
 
O alumnado deste centro participou, previamente, nas actividades propostas na primeira edición da Semana do Parlamento na Escola, celebrada entre o 29 de novembro e o 3 de decembro. Participaron nesta iniciativa arredor de 6.000 escolares  de 5º e 6º de Primaria de medio cento de centros educativos de toda a Comunidade Autónoma.
 
Esta actividade ten como obxectivo dar a coñecer a institución e a actividade parlamentaria entre o estudantado galego, divulgar o contexto histórico no que botou a andar a autonomía galega, espertar a curiosidade dos máis novos pola vida parlamentaria e convidar aos participantes a reflexionar sobre a importancia  da palabra e o diálogo como bases da convivencia, da solidariedade e dos valores democráticos.
 
Saúdos, Gabinete de comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina