• O presidente do Parlamento e as conselleiras do Mar e de Política Social asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha do programa denominado “Conserva o importante”
Santiago, 17 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia e as consellerías do Mar e de Política Social da Xunta destinarán un total de 60.000 euros á adquisición de conservas de peixe que serán entregadas aos diferentes bancos de alimentos de Galicia para a súa distribución entre persoas e familias en situación de vulnerabilidade a través das entidades solidarias que ofrecen estes servizos.
Este programa solidario, denominado “Conserva o importante”, está contemplado nun convenio de colaboración asinado esta mañá polos titulares das tres entidades na sede viguesa do Museo Anfaco da Industria Conserveira. Cada unha das partes asinantes efectuará unha achega de 20.000 euros, ao tempo que asumen diferentes responsabilidades relacionadas coa tramitación do proceso.
Proximidade xeográfica
ANFACO-CECOPESCA colaborará nesta iniciativa facilitando información sobre os produtos conserveiros do seus asociados e ofrecendo orzamentos para a adquisición dos mesmos. Para a selección dos provedores, as administracións participantes nesta iniciativa priorizarán a oferta económica máis vantaxosa e a proximidade xeográfica respecto ao lugar de entrega para minimizar a pegada de carbono. Para facilitar a maior participación do sector conserveiro nesta iniciativa, o importe da compra efectuada a cada provedor deberá ser inferior a 15.000 euros.
A decisión de mercar conservas de peixe destinadas aos bancos de alimentos responde a criterios nutricionais xa que se trata dun dos alimentos máis completos para unha dieta saudable. Ademais, as conservas non son perecedoiras a medio prazo, nin requiren refrixeración nin cocción, o que supón vantaxes loxísticas para a súa distribución e consumo.
Na sinatura, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, enmarcou o programa “Conserva o importante” nas diferentes iniciativas solidarias que o Parlamento de Galicia, ao igual que outras entidades públicas e privadas, impulsa desde hai anos.
“Digo con moita frecuencia que o Parlamento é a casa de todos, que queremos que a xente vaia ao Parlamento e o coñeza, e tamén que o Parlamento saia á rúa e tome contacto con todas as realidades, tamén, e moi especialmente, coa das persoas máis vulnerables”, aseverou.
Versatilidade da conserva
Santalices celebrou a incorporación das conservas de peixe ás campañas de apoio aos bancos de alimentos dada a versatilidade destes produtos -incluíndo o feito de que non precisen ser cociñadas, nun contexto de pobreza enerxética-, pero tamén “as elevadas propiedades nutricionais das conservas de peixe e os beneficios que o seu consumo reporta á saúde das persoas, a diferenza do que sucede, por exemplo, cos alimentos ultraprocesados” . Animou ao conxunto da sociedade a consumir máis conservas, e tamén a incluír, na medida do posible, algunha conserva nas doazóns que efectúen no marco das campañas de recollida de alimentos que se desenvolven en Galicia.
Santalices Vieira recordou que o vindeiro 19 de decembro se conmemora o 40 aniversario do Parlamento de Galicia. Aínda que admitiu que “queda moito por facer, o avance rexistrado por Galicia nestes 40 anos foi espectacular, configurando un estado de benestar que temos a obriga de protexer con todas as nosas enerxías e capacidades”. Agregou que nesta conmemoración “queremos e debemos ter presentes ás persoas que peor o están pasando”.
O convenio foi asinado polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e as conselleiras do Mar e de Política Social da Xunta de Galicia, Rosa Quintana e Fabiola García. A representación de Anfaco-Cecopesca correu a cargo do presidente e o secretario xeral da entidade, Iván Alonso-Jáudenes Curbera e Juan Vieites, respectivamente.
O acto contou coa asistencia de representantes dos bancos de alimentos de Galicia.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.