saltar ao contido

Santalices insiste en que a formación académica debe buscar a excelencia, mais tamén formar a persoas íntegras

 
• O presidente do Parlamento inaugurou en Fonseca as XLIII Xornadas de Colexios Maiores de España
 
Santiago, 3 de febreiro de 2022.- “Precisamos que a formación académica aspire sempre á excelencia, pero necesitamos tamén formar a persoas íntegras, con espírito crítico, solidarias e compasivas”. Así o expresou esta mañá o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, na inauguración das XLIII Xornadas de Colexios Maiores de España, que se celebran no Salón Nobre do compostelán Pazo de Fonseca.
 
Recordou Santalices que nun mundo no que afloran realidades ata hai pouco descoñecidas, como a intelixencia artificial, a nanotecnoloxía, a enxeñería xenética, as guerras híbridas ou a economía colaborativa, “a formación da mocidade resulta determinante para poder enfrontar estes retos co éxito que todos desexamos”.
 
Nesta liña, o presidente do Parlamento gabou o labor dos colexios maiores que, ao seu xuízo, “constitúen unha extensión da institución universitaria que ofrece formación académica”, pero tamén “a prolongación natural da familia nunha etapa vital complicada, como é o tránsito da adolescencia á idade adulta”.
 
Santalices Vieira felicitou aos organizadores destas xornadas pola elección de Santiago de Compostela para a súa celebración, pola súa condición de cidade de longa tradición universitaria, e como centro de peregrinación que resultou “determinante no proceso de configuración da identidade europea, tal e como hoxe a coñecemos”.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina