A Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 2 de marzo de 2022, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación da iniciativa
- 30055 (11/PNC-002693)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Tabarés Pérez-Piñeiro, Iago e 5 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia respecto da ampliación da planta xudicial nos partidos de Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Carballo e Viveiro
BOPG n.º 277, do 16.02.2022
Sométese a votación separada por puntos:
Punto 1: resulta rexeitado por 5 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.
Punto 2: resulta aprobado pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a manifestar a súa oposición a calquera modificación normativa ou decisión gubernamental que poda implicar a supresión dos partidos xudiciais actualmente existentes, ou a redución de competencias para a celebración de vistas e práctica de dilixencias e actuacións nas actuais sedes dos partidos xudiciais existentes.”
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 30815 (11/PNC-002762)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro e 14 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España respecto do reforzo do servizo público postal
BOPG n.º 281, do 23.02.2022
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que adopte as seguintes medidas:
1º.- Reforzar a financiación do servizo público postal, claramente insuficiente na actualidade, no vindeiro plan de prestación a aprobar polo Consejo de Ministros, de xeito que se asegure un servizo de calidade para o conxunto da cidadanía.
2º- Incluír a Correos, a maior empresa pública do noso país, no reparto dos Fondos para a recuperación, transformación e resiliencia, para que xogue un papel clave na reposta que, como sociedade, debemos dar á crise sanitaria e económica provocada pola covid.
3º- Actualización e mantemento das Oficinas auxiliares (rurais) e Unidades de Reparto existentes nas zonas rurais, claves na reversión da “España Baleira”. É o único xeito de contribuír a que aquelas áreas xeográficas de reparto deficitarias economicamente poidan gozar dun servizo postal en igualdade de condicións respecto á poboación dos grandes núcleos urbanos.
4º- Reforzo da capilaridade de Correos ampliando o número de oficinas, unidades de reparto e centros de tratamento co fin de lograr o maior achegamento á cidadanía e lograr as condicións óptimas de accesibilidade marcadas pola Lei Postal e pola Directiva Postal Europea.
5º- Garantir a cobertura dos postos de traballo estruturais necesarios, hoxe claramente insuficientes, para dar cobertura e garantir un servizo postal público de calidade, con emprego e dereitos de calidade.
6º- Garantir o cumprimento dos parámetros de calidade determinados pola Lei Postal e polo Regulamento que regula a prestación do Servizo Postal Universal e, en definitiva aproximar de xeito eficaz e eficiente o correcto e necesario desempeño da prestación dos servizos postais públicos, co obxectivo de asegurar a todos os cidadáns da Comunidade Autónoma de Galicia a recepción da súa correspondencia, polo menos 5 días á semana, como está establecido tamén na Directiva Postal Europea.”