saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 9 de marzo de 2022

 
3.1 25951 (11/PNP-002352)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 7 máis
Sobre a medidas que debe adoptar a Xunta de Galicia para modernizar e humanizar os puntos de encontro familiar
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 243, do 17.12.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1.- Adoptar as medidas necesarias para modernizar e humanizar os Puntos de Encontro Familiar que actualmente se atopan en funcionamento na nosa Comunidade tal e como está previsto facer nos centros de nova creación.
 
2.- Reforzar o protocolo que permita a valoración de risco nos puntos de encontro familiar fronte a situacións de violencia machista, así como deseñar plans de comunicación e colaboración interinstitucionais que garantan a protección das e dos menores e das súas nais,  co obxectivo de unificar e harmonizar os criterios de intervención.
 
3.- Iniciar os trámites ao longo deste ano 2022 para ampliar a rede de puntos de encontro familiar nas catro provincias galegas”.

3.5 30748 (11/PNP-002654)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Otero Rodríguez, Patricia e Torrado Quintela, Julio
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para crear un observatorio de igualdade de xénero no sector pesqueiro
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 281, do 23.02.2022
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a crear, coa necesaria aportación orzamentaria, o observatorio de igualdade do sector pesqueiro galego, formado por persoal técnico que estudie, analice e estableza diagnósticos e medidas correctoras que contribúan a mellorar a situación das galegas que traballan no mar ou en actividades relacionadas, prestando atención á escasa representación das mulleres en postos de dirección e representación.
 
3.6 30843 (11/PNP-002667)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 16 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia respecto dos programas de axudas á inclusión sociolaboral de mulleres en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión social
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 281, do 23.02.2022
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1. Promover o mantemento e ampliación dos programas e axudas destinados á inclusión sociolaboral de mulleres en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión social.
 
2. Consolidar aqueles programas e recursos especializados dirixidos ás mulleres maiores e ás mulleres con discapacidade.
 
3. Reforzar a perspectiva de xénero nas políticas medioambientais e de xestión do territorio, desenvolvendo programas ambientais con perspectiva de xénero e de posta en valor do papel das mulleres na xestión e conservación da biodiversidade.
 
4. Apoiar a promoción profesional das mulleres no ámbito cultural e a visibilización da súa produción artística nos distintos eidos (literario, artes escénicas e musicais, audiovisual, contido dixital, etc.).
 
5. Fomentar as boas prácticas e a implicación dos medios de comunicación na transmisión de contidos que promovan a igualdade entre mulleres e homes; así como reforzar os mecanismos de denuncia e asesoramento para a boa praxe dirixidos á eliminación do sexismo nas mensaxes publicitarias.
 
6. Realizar campañas institucionais e outras accións para a concienciación da cidadanía en torno á igualdade entre mulleres e homes de todas as idades e en todos os ámbitos.
 
7. Consolidar a perspectiva de xénero na actividade de planificación e xestión do deporte galego e impulsar a igualdade entre os axentes e entidades do tecido deportivo (adaptación de infraestruturas, formación en igualdade a profesionais, fomento da participación das mulleres en postos de toma de decisión, etc.).
 
8. Presentar no Parlamento, antes de que remate este período de sesións, un informe de avaliación do VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020”.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina